Emprego

Jose Manuel Balseiro fai público o montante das axudas recibidas por estes concellos a través do Plan de Cooperación da Xunta que demostran que nunca existiu discriminación por parte do Goberno galego

Os once concellos lucenses que participan no plan de emprego da Deputación recibiron da Xunta 1,2 millóns de euros para a contratación de desempregados

 Jose Manuel Balseiro Orol

  • Os populares lamentan que a Deputación non permita ao resto dos concellos lucenses beneficiarse do plan de emprego da Deputación, a diferenza do que fai a Xunta que chega a todos os municipios sen exclusión

  

Lugo, 09 de xaneiro de 2013.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular e secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro, explicou hoxe que os once concellos lucenses aos que se lle permitiu participar no Plan de emprego da Deputación de Lugo recibiron da Xunta 1,2 millóns de euros para a contratación de desempregados.

Os concellos de A Fonsagrada, Becerreá, A Pontenova, Pobra do Brollón, O Incio, Cervantes, Samos, Navia de Suarna, Pedradita do Cebreiro, Ribas de Sil e Negueira de Muñíz que son os únicos da provincia de Lugo que puideron acollerse ao plan posto en marcha por Besteiro recibiron desde 2011 –nas tres últimas anualidades- 1.236.599,20 euros a través do Plan de Cooperación da Xunta.

Este programa autonómico permite a contratación de veciños que se atopan en situación de desemprego, a custe cero para o concello, grazas ás axudas da Xunta, para realizar distintas tarefas de interese social que son decididas polos municipios beneficiarios.

 Balseiro entende que coa contundencia deste dato queda demostrado que non é certo que estes once concellos sexan discriminados pola Xunta e lembra que a estas axudas habería que engadir, a maiores, as que recibiron para realizar cursos de formación de desempregados.

Tras insistir na falsidade dos argumentos empregados pola Deputación de Lugo para xustificar a posta en marcha dun Plan que deixa fóra a 55 dos 67 concellos da provincia, Balseiro lamentou unha vez máis que non se permita ao resto dos concellos lucenses beneficiarse dun programa de contratacións que a Deputación financia con cargos públicos e sen garantir a igualdade de oportunidades de todos desempregados lucenses.

 UN SAÚDO

Anexo:

Axudas do Plan de Cooperación da Xunta cos 11 concellos lucenses que si poden participar no Plan de emprego provincial

  

Becerreá

333944,71

 A Pontenova

215951,05

 Ribas de Sil

70186,92

Cervantes

109412,28

A Pobra do Brollón

72876,3

Navia de Suarna

57747,42

 Negueira de Muñiz

44181,18

Samos

77659,64

Pedrafita do Cebreiro

134563,86

A Fonsagrada

99853,98

O Incio

20221,86