Atención a domicilio

O deputado popular e secretario do Parlamento galego, rexistrou unha pregunta parlamentaria na Cámara autonómica, para que Sanidade realice unha avaliación destes primeiros meses deste novo servizo

BALSEIRO INTERÉSASE POLO FUNCIONAMENTO DA NOVA UNIDADE DE ATENCIÓN A DOMICILIO QUE O SERGAS PUXO EN MARCHA NO HOSPITAL DA COSTA

O hospital desde o parque

  • Sinala as vantaxes que implica que, desde a sanidade pública, poida garantirse  ao paciente a atención médica e de enfermería que o seu proceso requira, no seu domicilio, e sen necesidade de ter que permanecer ingresado máis tempo do necesario
  • Entre as cuestións polas que pregunta están os criterios de funcionamento desta Unidade, a dotación de medios e persoal, o número de pacientes que se benefician e poderán beneficiarse do novo servizo e as patoloxías atendidas, así como polas previsións do Goberno galego en relación coa mesma

 

 

Santiago, 18 de decembro de 2013.- O deputado popular e secretario do Parlamento galego, Jose Manuel Balseiro, rexistrou unha pregunta parlamentaria na Cámara autonómica, interesándose polo funcionamento da nova Unidade de atención a domicilio que o SERGAS puxo en marcha no Hospital da Costa.

O parlamentario popular quere que a Consellería de Sanidade faga unha avaliación destes primeiros meses de funcionamento, do número de mariñáns que se teñen beneficiado do mesmo e das previsións da Xunta respecto deste novo servizo chamado a implantarse  de xeito gradual, en todos os concellos da comarca norte lucense que forman a área de influencia do Hospital da Costa.

Balseiro lembrou que a Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) da Mariña lucense é a segunda que opera no conxunto da provincia de Lugo, despois da posta en marcha dunha Unidade similar na área sanitaria centro, dependente do Hospital Universitario Lucus Augusti.

MÚLTIPLES VANTAXES

O deputado popular sinala que coa creación desta nova Unidade de atención á saúde o Goberno galego foi quen de achegar o maior número de servizos sanitarios posibles aos cidadáns e é, un exemplo máis, da determinación da Xunta de Galicia de potenciar o Hospital da Costa, ofertando máis competencias asistenciais e garantindo, deste xeito, a súa continuidade e proxección de futuro.

Segundo Balseiro durante o, polo de agora curtos meses de funcionamento, a nova Unidade de hospitalización da Mariña xa deu mostras das moitas vantaxes que trae aparelada xa que, este novo servizo pretende evitar aos enfermos -na maior parte dos casos crónicos- a estadía nun lugar alleo ao seu contorno habitual.

O parlamentario popular sinala que grazas a este despregue e mellor utilización dos recursos sanitarios dispoñibles, o Hospital da Costa é capaz de prestar ao paciente no seu domicilio a atención médica e de enfermería que o seu proceso requira, sen necesidade de ter que permanecer ingresado máis tempo do necesario.

COMPROMISO

Entre as cuestións polas que se interesa Balseiro están os criterios de funcionamento desta Unidade, a dotación de medios e persoal, o número de pacientes que se benefician e poderán beneficiar do novo servizo e as patoloxías atendidas, así como polas previsións do Goberno galego en relación coa mesma