Opinión

Besteiro descoñece A Mariña lucense

 20120505-011147.jpg

Cómpre comezar insistindo en que desde o Partido Popular nunca estaremos en contra da posta en marcha de novos servizos, e que entendemos positivo calquera iniciativa que poida promoverse con este fin. O que cuestionamos, rexeitamos e non podemos compartir, é que se intente enganar á xente, como pretendeu facer nas pasadas datas o presidente da Deputación.

¿Como é posible que Jose Ramón Gómez Besteiro asegure sen rubor que a do Valadouro será a primeira escola pública de Galicia en horticultura ecolóxica? ¿Cómo pode facerse unha afirmación desas características cando, aquí na Mariña, a escasos 40 km está a escola autonómica Pedro Murias de Ribadeo, que leva anos impartindo formación oficial, acreditada e gratuíta, neste e noutros ámbitos do espazo agrogandeiro? ¿Cómo é posible que Besteiro descoñeza deste xeito, unha parte esencial da súa provincia?

Desde o Partido Popular non nos cansaremos en denunciar a actitude dos actuais responsables da Deputación de Lugo sempre que persistan en actuar con sectarismo político e de costas á realidade. O bipartito provincial promove iniciativas sen falar co sector, sen consultalo, sen escoitalo. Tampouco quere sumar esforzos coa Xunta para, froito destes contactos impulsar iniciativas que permitan priorizar o gasto público naqueles ámbitos que precisan un maior apoio. Sobre todo en tempos de crise, cada euro público gastado, ten que facerse no verdadeiramente importante. E para definilo, hai que ter vontade de diálogo e consulta cos profesionais do ámbito que se trate.

A Deputación de Lugo non está comportándose así. Ademais de desprezar calquera proposta de coordinación, se sitúa nunha posición de confrontación constante co resto das administracións. Para os populares resulta rechamante que precisamente Besteiro fale dos axustes da Xunta, cando -e ás probas nos remitimos- se hoxe existe unha administración que recortou foi a Deputación de Lugo. Exemplos témolos a multitude repasando os orzamentos: Recortan ata un 21% en investimentos reais, recortan ata un 53% en transferencias de capital a concellos, recortan máis de 350.000 en transferencias correntes e de capital na área de Cultura, recortan máis de 380.000 en transferencias correntes e de capital na área de Deportes, recortan máis de 107.000 en transferencias correntes en Turismo, recortan máis dun 41% en Igualdade ou máis do 45% noutras actuacións en agricultura, gandería e pesca e, e ata un 14% en no ámbito da Mocidade

Besteiro descoñece á Mariña lucense e vive de costas á realidade. Dous feitos, constatados, especialmente graves para que ten a responsabilidade de presidir a Deputación de Lugo.

 

Jose Manuel Balseiro Orol