Axudas a comunidades de montes

Medio Rural e Mar destina 3 millóns de euros en axudas para a prevención e defensa contra os lumes en montes veciñais

Plantaciones-de-eucalipto

  • Establécense dúas liñas de subvencións, destinadas por un lado ao control selectivo de combustible e, por outro, á construción de puntos de auga
  • O prazo de presentación de solicitudes é de un mes a partir de mañá

Santiago, 24 de xaneiro de 2014.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas da Consellería do Medio Rural e do Mar para o ano 2014 en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais en montes veciñais de man común, cun orzamento total de 3 millóns de euros. Estas axudas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2007-2013.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de montes veciñais en man común, así como as súas agrupacións e mancomunidades, sempre que a superficie forestal mínima por expediente sexa de 250 hectáreas. No caso de que dita superficie estea ubicada nalgún concello incluído en espazo declarado como zona de especial protección dos valores naturais, a superficie mínima será de 100 hectáreas.

Liñas de subvención Esta orde de axudas engloba dúas liñas de subvención. Por unha parte, financia o control selectivo do combustible en áreas cortalumes, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural e a roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais. O orzamento destinado a esta liña é de 2,8 millóns de euros.

A segunda liña de subvención financia a construción de puntos de auga, que deberán localizarse en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais. O orzamento previsto ascende a 200.000 euros.