Parques empresariais

O deputado popular subliña que o Goberno galego destina unha partida de 4,4 millóns de euros para a convocatoria do ano en curso (2014) o que supón duplicar o orzamento do exercicio anterior para este fin

BALSEIRO: “OS CONCELLOS LUCENSES PODERÁN BENEFICIARSE DAS AXUDAS DA XUNTA PARA A MELLORA DOS PARQUES EMPRESARIAIS”

20131012-140303.jpg

  •  Os apoios autonómicos financian obras e servizos para a mellora da calidade das infraestruturas existentes, para corrixir determinadas carencias e atender novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de servizos comúns
  • O parlamentario sinala que son axudas “máis accesibles, máis cuantiosas e que se anticipan, xa que o 25% delas poden percibirse antes de executar as obras”

 

Lugo, 24 de xaneiro de 2014.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular e secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro explicou hoxe que todos os concellos lucenses poderán beneficiarse das axudas da Xunta para a mellora dos parques empresariais instalados nos seus termos municipais.

 O Goberno galego destina con este obxecto unha partida de 4,4 millóns de euros, na presente anualidade (2014), “o que supón duplicar o orzamento do exercicio anterior para este mesmo fin”.

MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS INDUSTRIAIS

 Balseiro apunta que os obxectivos perseguidos por estas axudas son os de incrementar a calidade das infraestruturas dos parques empresariais, corrixir determinadas carencias que poidan presentar, e dar os apoios económicos precisos para atender novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de servizos comúns, que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores.

A modo de exemplo Balseiro indica que estas axudas centraranse na colaboración cos concellos para a posta en marcha de infraestruturas tales como, servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía; novas plantas de depuración de augas nos parques empresariais; mellorar os seus accesos e contornos viarios ou, incluso, instalar neles sistemas de seguridade e vixilancia.

“Ademais, cómpre sinalar que son axudas máis accesibles, máis cuantiosas e que se anticipan, xa que o 25% delas poden percibirse antes de executar as obras” –salientou Balseiro

DINAMIZAR A ECONOMÍA E O EMPREGO LOCAL

“O Goberno galego esta a ser un apoio decisivo para motivar o esforzo común de constante mellora da oferta de solo empresarial” -dixo Balseiro, tras indicar que a Xunta “actúa así porque é consciente de que os parques empresariais son un axente dinamizador da economía e do emprego local”

Balseiro resumiu a filosofía destas axudas na aposta do Goberno galego por subvencionar aqueles servizos que permitirán gañar competitividade e reducir custes ás empresas que decidan instalarse o que xa estean instaladas nestes parques industriais

 INCREMENTO DO NÚMERO DE EMPRESAS

Balseiro salientou a importancia destes apoios sobre todo tendo en conta os últimos datos, e nesa liña lembrou que, segundo o reflicten os estudos do Instituto Galego de Estatística en 2013 cada cinco días constitúese unha nova empresa na Mariña lucense. En total foron 80 as sociedades mercantís creadas durante o ano pasado, dez máis que en 2012. No caso da provincia de Lugo, creáronse en total 429 empresas, 23 sociedades máis que en 2012.

“Estamos no camiño da recuperación, e para facela posible e superar a crise e as dificultades actuais teñen máis razón que nunca estes apoios da Xunta para mellorar e abaratar o solo empresarial dispoñible”- concluíu Balseiro