Confrarías galegas

O Diario Oficial de Galicia publica o novo Decreto de Confrarías que unificará os seus procesos electorais

Flota

  • novo decreto entrará en vigor no prazo de vinte días contados a partir de mañá e posteriormente publicarase unha orde que convocará e regulará os procesos electorais
  • Para garantir a transparencia e legalidade do proceso está a Administración electoral, formada pola xunta electoral e unha comisión e unha mesa para cada confraría

Santiago, 29 de xaneiro de 2014.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o novo decreto de confrarías que unificará os procesos electorais de todas as confrarías de Galicia e das súas federacións. Este documento permitirá regular o procedemento electoral de todas as entidades, establecendo un calendario de convocatoria de eleccións unificado.

A Xunta ten a obriga legal de unificar os procesos electorais en todas as confrarías de Galicia e concentralas nun mesmo período temporal, tal e como recolle a Lei de Pesca. De aí a elaboración deste novo decreto que permitirá unificar a duración dos mandatos nas confrarías e a representatividade dos cargos electos nos órganos das federacións, acadando así unha mellora na coordinación dos procesos electorais.

Este documento contempla ademais un marco xurídico que lle permitirá ás confrarías e federacións adaptarse aos cambios constantes que se producen no sector, sobre todo no que ten que ver coa xestión dos recursos, co seu ámbito de organización e co funcionamento interno. Ademais permitirá que estes organismos sigan traballando como entidades modernas, solventes e competitivas nun mercado da pesca en constante transformación, sempre baixo a primacía da legalidade, transparencia contable e democracia interna.

Prazos
O novo decreto entrará en vigor no prazo de vinte días contados a partir de mañá. Posteriormente publicarase unha orde que convocará e regulará os procesos electorais. Na convocatoria estableceranse os prazos para o desenvolvemento do proceso electoral. A campaña electoral comezará a partir da proclamación definitiva das candidaturas e rematará ás cero horas do día inmediatamente anterior á data fixada para a votación.

A duración do mandato dos órganos das confrarías de pescadores –xunta xeral, cabido e patrón maior- será de catro anos, podendo ser reelixidos por períodos de igual duración. O prazo empezará a contar dende o día seguinte ao da toma de posesión dos vogais da xunta xeral.

Procedemento electoral
Para garantir a transparencia e legalidade do proceso está a Administración electoral, formada pola xunta electoral, unha comisión electoral e unha mesa para cada confraría.

A xunta electoral é única para toda Galicia e terá a súa sede na Secretaria Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Comporase dun presidente/a, un secretario/a e catro vogais. Entre os seus cometidos destaca o de velar pola correcta coordinación do proceso electoral, vixiar o cumprimento das funcións asignadas ás comisións electorais e resolver as súas consultas, así como resolver as cuestións do proceso electoral.

A comisión electoral de cada confraría estará composta por un presidente/a, un secretario –o da confraría- e tres vogais. Ten entre outras funcións elaborar e aprobar o plan electoral, publicar o censo electoral provisional, aprobar o censo definitivo, preparar o colexio electoral e organizar o material do proceso e velar pola legalidade dos comicios.

Por outra banda, a mesa electoral de cada confraría comporase de presidente –será o patrón maior-, secretario –será o da confraría- e catro vogais. Ten como funcións presidir as votacións, efectuar o escrutinio e velar pola legalidade do sufraxio e resolver as incidencias que se poidan detectar durante as votacións.

Fonte: Xunta.es