GAC

O voceiro do Mar do Grupo Popular subliña que un dos piares da política do Goberno galego céntrase en promocionar, fomentar e poñer en valor os recursos relacionados coa pesca e co turismo

BALSEIRO RESALTA A IMPLICACIÓN DA XUNTA COS GRUPOS DE ACCIÓN COSTEIRA DA MARIÑA

 Balseiro

  • A Xunta colabora na posta en marcha dos proxectos da Confraría de Celeiro (Mariñeiros por un día) e de Burela (dous audiovisuais: un recetario de produtos do mar de Burela e outro sobre a Guerra do Bonito) con axudas que superan os 24.600€
  • Audio: http://www.ivoox.com/2777575

 

Lugo, 29 de xaneiro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Popular e secretario do Parlamento galego, Jose Manuel Balseiro, salientou que a comarca da Mariña lucense volve a ser beneficiada polas axudas da Xunta aos Grupos de Acción Costeira. En concreto, hoxe coñecemos que os proxectos presentados, entre outros, polas confrarías de Burela e Celeiro recibirán un total de 24.640 euros tras resultar seleccionados e gratificados na segunda convocatoria do ano que vén de rematar.

ESCOLARES MARIÑEIROS POR UN DÍA

Balseiro explicou que a Confraría de Pescadores de Celeiro disporá dunha axuda por importe de 10.290 euros para impulsar a segunda fase do proxecto Mariñeiros por un día que consiste nunha serie de actividades deseñadas para achegar os escolares da provincia de Lugo ao mundo do mar e da pesca, a través de visitas guiadas que lles permitan coñecer e experimentar en primeira persoa, como viven e realizan distintos traballos nun porto da Mariña Lucense.

Segundo o programa previsto no seu momento os escolares participantes visitarán a lonxa pesqueira local, heliporto, Centro de Formación Pesquera Vicente Gradaille, participarán no “Taller do Pescador” que ten lugar na Confradía de Pescadores de Celeiro e finalizará cun xantar-degustación de produtos do mar nun restaurante da zona.

PRODUCIÓN AUDIOVISUAL

Pola súa parte a Confraría de Pescadores de Burela recibe dúas axudas, a primeira -por importe de 6.090 euros- para a elaboración e distribución dun vídeo-recetario coa selección de doce produtos do Mar, onde se destacará a ampla variedade da pesca artesanal local e sobre todo, a calidade do peixe fresco e as súas posibilidades gastronómicas, así como os aspectos saudables deste peixe nunha dieta equilibrada.

Finalmente tamén a Confraría de Burela recibe 8.260 euros para dotar o seu Arquivo Histórico de material escrito e audiovisual e recuperar acontecementos marítimos relevantes locais. Así xorde este proxecto, que se basea na realización en formato vídeo dun documental sobre un feito moi importante para a flota bonitera de Burela: o desenlace da Guerra do Bonito no verán de 1994.

O GAC da Mariña e Ortegal tamén recibe outros apoios como os 7.630 euros para a mellora das condicións de traballo das mariscadoras de Espasante  e 26.785,37 euros para a asociación prominusválidos de Ortegal, de cara a impulsar un curso de formación para a recuperación e reparación de envases plásticos da industria pesqueira, entre outros.

 DINAMIZAR A ZONA COSTEIRA

En Galicia a Consellería do Medio Rural e do Mar é o ente xestor dos fondos europeos de pesca e como tal apoia economicamente aos proxectos seleccionados polos Grupos de Acción Costeira. Con estas axudas o Goberno pretende potenciar as fortalezas das nosas zonas costeiras e entidades do ámbito do mar e da pesca, na confianza de que o litoral galego constitúe unha zona con alto potencial económico, ambiental e turístico. De feito, Balseiro salienta que un dos piares da política da Xunta céntrase en promocionar, fomentar e poñer en valor os recursos relacionados coa pesca e co turismo