Comisión de Pesca: 5 de febreiro

O voceiro do Mar dos populares galegas lembra que desde o mes de xaneiro, data dos primeiros temporais, técnicos e responsables de Portos de Galicia iniciaron as accións de prevención de riscos, sinalización dos deterioros, valoración económica, reparación urxente e planificación da reparación global dos danos

O PARLAMENTO INSTA A PORTOS DE GALICIA, A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR, A MANTER ACTIVO O DISPOSITIVO DE EMERXENCIA MENTRES DURE O TEMPORAL OU HAXA RISCO DE NOVAS ALERTAS

 Temporal

  • Balseiro lembra que desde a mesma semana do 6 de xaneiro, data dos primeiros temporais, Portos de Galicia contratou todas as reparacións posibles e así fará logo das novas avaliacións cando melloren as condicións marítimas e sexa posible unha inspección submarina de todas as estruturas

 

 

Santiago, 05 de febreiro de 2014.- O Parlamento de Galicia respaldou a proposta do Grupo Popular, pola que se lle da un mandato a Portos de Galicia para que manteña activo o dispositivo de emerxencia por alerta de temporal mentres continúen as condicións climatolóxicas adversas e o risco de novas alertas.

Os populares propuxeron este acordo, que contou co apoio unánime das tres forzas políticas, como emenda de adición a unha iniciativa do PSOE para así actualizala, en función dos sucesivos temporais que veñen acontecendo, xa que os socialistas se limitaban a demandar unha avaliación e recuperación dos danos ocasionados co gallo da marusía de Nadal.

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou que Portos de Galicia xa ten en marcha un amplo operativo e, desde o primeiro día –xa no mes de xaneiro- técnicos e responsables de Portos de Galicia iniciaron as accións de prevención de riscos, sinalización dos deterioros, valoración económica, reparación urxente e planificación da reparación global dos danos.

Balseiro tamén indica que estas  tarefas teñen unha continuidade no tempo debido a que as condicións meteorolóxicas non melloraron, senón que se agravaron con novos temporais, e indicou que a avaliación definitiva e exacta dalgúns danos dependerá da supervisión de moitas das zonas que teñen o acceso restrinxido polas condicións do mar e non poden por tanto ser avaliadas, o mesmo que ocorre cos traballos que requiren a presenza de buzos

PRIMEIRA ESTIMACIÓN: DANOS POR 1.550.000 EUROS

Para dar mostra do traballo feito, o portavoz do Mar do Grupo Popular lembrou que o propio Consello da Xunta xa estudou, unha semana seguinte ao primeiro temporal acontecido na data de Reis, unha avaliación provisional na que se constataron danos en estruturas e infraestruturas de 51 portos, dos que en 37 son danos de relevancia. Constátanse tamén danos de sinalización e balizamento no entorno de 25 portos. O orzamento das reparacións estimado inicialmente ascende a 1.550.000 euros para a totalidade dos portos incluídos neste informe.

PORTOS DE GALICIA XA CONTRATOU AS REPARACIÓNS

Os populares defenden que dadas as características das avarías e dos danos producidos, faise necesario a pronta reparación dos mesmos para poder garantir o correcto funcionamento da estrutura e para evitar máis danos e evitar calquera tipo de risco para as persoas, así como para a normalización da actividade portuaria e dos diferentes usuarios dos portos.

Con este obxectivo, desde a mesma semana do 6 de xaneiro, Portos de Galicia contratou todas as reparacións posibles e así procederá logo das novas avaliacións cando melloren as condicións marítimas e sexa posible unha inspección submarina e de detalle destas estruturas.