Prevencion de riscos

O obxectivo é elaborar novas ferramentas que sirvan para mellorar as condicións de traballo no sector pesqueiro, tanto dos profesionais embarcados como dos que realizan traballos en terra

BALSEIRO APOIA AS INICIATIVAS DA XUNTA PARA A AVALIACIÓN DE NOVOS SISTEMAS DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NOS BUQUES DE BAIXURA

Flota

  • Galicia traballa de xeito conxunto coas comunidades do Cantábrico na elaboración deste estudo que abranguerá todos os riscos identificados, é dicir, que ademais dos de seguridade, incluirá os hixiénicos, ergonómicos e psicosociais

 

Santiago, 07 de febreiro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, salientou hoxe a importancia que para os profesionais do mundo da pesca terá o programa no que traballa o Goberno galego de cara a avaliación de novos sistemas de prevención de riscos laborais nos buques de baixura.

 O parlamentario popular subliñou a significación desta actuación xa que o sector das artes menores en Galicia ocupa a máis de 7.500 persoas e representa unha facturación entorno a 69,2 millóns de euros. Incluído o marisqueo, a pesca de baixura en Galicia consta de máis de 4.500 embarcacións o que da mostra da amplitude do novo estudo a desenvolver.

 ESTUDO MÁIS AMPLO

Balseiro indicou que o obxectivo perseguido polo Goberno galego é elaborar novas ferramentas que sirvan para mellorar as condicións de traballo no sector pesqueiro. Por iso este estudo será moito máis amplo dos que se realizan de xeito habitual e abranguerá todos os riscos identificados, é dicir, que ademais dos de seguridade, incluirá unha avaliación pormenorizada dos riscos hixiénicos, ergonómicos e psicosociais que afectan aos profesionais deste sector no exercicio das súa actividade laboral.

Balseiro tamén indicou que no estudo, ademais de incluír a persoas que realizan o seu traballo a bordo de barcos, tamén haberá un apartado específico a outras que non precisan embarcarse e que forman parte de diversos colectivos: uns dedicados a realizar actividades vinculadas ás tarefas que se realizan nos buques, tales como a descarga do peixe, o seu procesamento e comercialización, a reparación e fabricación de redes e a xestión nas confrarías que os representan; e outros ocupados en actividades de marisqueo ou acuicultura.

 En resume, o novo estudo establecerá medidas de protección ligadas ás condicións de traballo destes profesionais e ás consecuencias que os seus desempeños laborais teñen sobre a súa saúde.

COMUNIDADES DO CANTÁBRICO

O deputado popular indicou que a Xunta de Galicia, lidera este proxecto, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde e de xeito conxunto co resto das comunidades do Cantábrico: Asturias, Cantabria e País Vasco.

Cómpre subliñar que no marco xeral de colaboración e intercambio de experiencias xa se desenvolveron varios traballos en anos anteriores, nomeadamente as tres entregas da Guía da vixilancia da saúde e a avaliación de riscos ergonómicos no sector pesqueiro.