Pleno do Parlamento 12 de febreiro

Jose Manuel Balseiro pon en valor a contribución positiva que este colectivo de galegas e galegos no exterior pode facer á súa terra de orixe e insiste en que son os mellores embaixadores de Galicia

O PARLAMENTO APROBA A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA IMPULSAR A PROMOCIÓN DOS PRODUTOS GALEGOS EN COLABORACIÓN COAS COMUNIDADES DE EMIGRANTES

 Tribuna

  • Lamenta o voto negativo dos grupos da oposición, en especial o cambio de criterio de AGE, xa que tiña rexistrada unha emenda de adición pola que aceptaba o acordo proposto polos populares, e ao PSOE por desprezar a colaboración e apoio de 10 millóns de emigrantes con ascendencia galega

 

Santiago, 12 de febreiro de 2014.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a iniciativa do Grupo Popular na que se insta á Xunta a “elaborar, impulsar e executar” un plan para que, “en colaboración coas comunidades de emigrantes”, se potencie e faga posible a promoción dos produtos galegos de calidade.

 O portavoz do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defende que unha actuación conxunta e coordinada do Goberno galego coas comunidades galegas no exterior pode contribuír como elemento dinamizador da nosa economía e como reclamo á hora de dar a coñecer a excelente calidade dos nosos produtos do mar e agrogandeiros.

 APOSTAR POLA ORIXINALIDADE

“Vinculando os nosos produtos á orixe galega, apostamos pola orixinalidade nun mundo globalizado. Diferenciando os nosos produtos, coa complicidade e colaboración das nosas comunidades no exterior, beneficiamos a Galicia”, concluíu Balseiro, quen insistiu en que “os nosos emigrantes, desde os países nos que residen, son os perfectos embaixadores da nosa terra”

Balseiro defende que, unha vez posto en marcha este plan, contribuirase a que os axentes económicos internacionais poidan recoñecer a Marca Galicia como un socio fiable, que exporta produtos de calidade. Ao mesmo tempo, impulsaríanse as condicións necesarias para recibir investimentos exteriores, xerar riqueza, abrir novos mercados, desenvolver unha estratexia firme para algo tan necesario hoxe, como é o impulso de novas oportunidades de emprego.

UNHA OPOSICIÓN IRRESPONSABLE

A pesar dos evidentes beneficios que a posta en marcha deste plan podería supoñer, os populares lamentaron o voto negativo dos grupos da oposición, en especial o cambio de criterio de AGE, xa que tiña rexistrada unha emenda de adición pola que aceptaba o acordo proposto polos populares.

Tampouco comprenden a irresponsable toma de postura do PSOE, que ao negarse a apoiar a iniciativa popular opta por desprezar a colaboración e apoio de 10 millóns de emigrantes con ascendencia galega.