Consello da Xunta

A CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN DESTINA 100.000 EUROS ÁS OBRAS PARA REPARAR COA MÁXIMA CELERIDADE OS DANOS CAUSADOS POLO TEMPORAL NO CEIP VIÑAGRANDE-DEIRO E NO IES DE FOZ

REUNION DO CONSELLO DA XUNTA.

  • A rápida actuación do departamento educativo da Xunta permitiu que o alumnado do CEIP fose xa redistribuído en 2 centros educativos da zona, co fin de que a normalidade da súa actividade escolar non se vise afectada
  • No caso do IES de Foz, no que está previsto comezar hoxe mesmo as obras de reparación, púidose retomar a actividade lectiva 2 días despois do temporal

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria traballa xa na reparación da cuberta do CEIP Viñagrande-Deiro, en Vilanova de Arousa, e do pavillón do IES de Foz, destinando 100.000 euros a estas obras. O Consello da Xunta analizou hoxe o informe de actuacións de emerxencia realizadas pola Consellería nestes centros.

No IES de Foz o temporal da noite do 3 de febreiro causou importantes danos na cuberta do pavillón e, de forma colateral, no conxunto do complexo educativo, o que está a provocar entrada de auga no interior e unha deterioración das instalacións, malia que a seguridade do alumnado e persoal está asegurada. As obras de reparación, que está previsto que comecen hoxe mesmo, suporá nun investimento de máis de preto de 26.000 euros.

 No caso do CEIP Viñagrande-Deiro, a súa principal cubrición perdeu boa parte das súas placas de fibrocemento por mor do temporal do pasado 5 de febreiro. A obra final consistirá na reposición da cuberta con paneis de tipo ‘sándwich’, así como na reparación dos danos causados no interior do CEIP pola entrada da auga. O orzamento destinado a este centro ascende a 74.000 euros

 IES de Foz

 No caso do IES de Foz, o alumnado puido volver ás clases xa o 6 de febreiro, despois de que se realizaran os traballos oportunos para garantir a seguridade do alumnado e persoal do centro. Dando mostra da rápida resposta da Consellería, o día 4 de febreiro elaborouse o informe de danos, no que se explicaba que se desprenderan uns 125 metros cadrados da cuberta do pavillón polideportivo do IES de Foz, elaborada con armazóns e correas de prefabricados de formigón e un acabado en panel ‘sandwich’. Os entullos que saíron despedidos ocasionaron, ademais, danos colaterais na cuberta do edificio de Hostalaría e fiestras que provocaron, pola súa vez, danos no interior do edificio.