Temporal

Balseiro reproba “a ansia oportunista” e o “atrevemento” de Lara Méndez, capaz de reclamar o que incumpre na Deputación

Balseiro

  • O popular, a través de fotos, demostra que a Deputación Provincial de Lugo, administración que vicepreside a socialista, é titular de estradas non só en pésimo estado; senón tamén nas que non se respectan as distancias das plantacións

A Mariña, 16 de febreiro de 2014.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, José Manuel Balseiro, reprobou hoxe a “ansia oportunista” e o “atrevemento” que vén de amosar a socialista Lara Méndez, á hora de responsabilizar á Xunta de Galicia das consecuencias do temporal que sufriu a Mariña.

O dirixente popular tacha de “mesquindade política” esta actitude, que só pode ser debida a un importante “afán de protagonismo moi desprezable” e, sobre todo, cando a socialista, “nunha mostra de descaro político” está a demandar accións que “ela mesma incumpre”.

Polo tanto, José Manuel Balseiro considera que o “atrevemento” da socialista é tal que, non só se amosou capaz “de responsabilizar á Xunta das consecuencias dun temporal”, senón tamén de reclamarlle á administración autonómica, xestións “que non se están a levar a cabo na Deputación Provincial de Lugo”, ente que vicepreside Lara Méndez.

Capaz de reclamar o que non cumpre

Ao oportunismo de utilizar politicamente as consecuencias dun temporal, o popular repróballe a Lara Méndez , “a dobre cara que amosa ao reclamar o que incumpre como vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo”.

José Manuel Balseiro, a través de fotos, corrobora que a administración provincial non só suspende en mantemento e coidado das estradas, senón que non fai respectar as distancias mínimas entre as plantacións e os viais.

Numerosos veciños víronse afectados por cortes en estradas provinciais froito desta circunstancia incentivada polas condicións climatolóxicas, explica o popular, polo que non chega a entender as declaracións de Lara Méndez, se non son froito dunha actitude “mesquiña, politicamente falando”.

A Deputación de Lugo, titular de estradas en mal estado

O popular denuncia a falta de rigor tanto da socialista como dos responsables da administración provincial que, tal e como denunciaron en reiteradas ocasións dende o PP, profesan a inoperancia política en canto ao mantemento das estradas provinciais.

José Manuel Balseiro explica que os condutores a diario están a vivir un panorama complicado no asfaltado, baches, derrubamentos de terrapléns e carencia nas tarefas de conservacións de estradas provinciais, que está a provocar a reivindicacións de numerosos veciños e alcaldes que trasladan ao ente lucense escritos para que sexan atendidas as súas demandas.

Polo tanto, o secretario xeral dos populares lucenses recoméndalle a Lara Méndez que non realice comparativas entre as estradas autonómicas e as provincias, por que sairía perdendo, “e non precisamente por falta de orzamento”.

Terrapléns que tardan semanas e incluso anos en arranxarse, ou incluso o retraso que anualmente se está a dar nos desbroces das estradas de titularidade provincial, amosan que Lara Méndez é a “menos oportuna para dar exemplo de boa xestión”, e estas declaracións só evidencian que detrás da súa actitude se atopa “gaña de ter protagonismo ata o punto de reclamar o que non cumpre”.