Consumidores enerxéticos en situación de vulnerabilidade

A través dunha proposición non de lei formulada polo Grupo Parlamentario Popular, tamén demandan do Goberno central que desenvolva a definición de consumidor vulnerable ao que se refire a nova Lei do Sector Eléctrico

O GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR SOLICITARÁ O ESTUDO DE MEDIDAS DE APOIO AOS CONSUMIDORES DE ENERXÍA ELÉCTRICA EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE

 ahorro-luz

  • “Somos conscientes de que na Comunidade galega existen persoas que viven en fogares con pobreza enerxética”, asegura o deputado Jose Manuel Balseiro

 

Santiago, 17 de febreiro de 2014.- O deputado autonómico e secretario da Mesa do Parlamento, Jose Manuel Balseiro explicou hoxe que o Grupo Popular solicitará á Xunta de Galicia, a través dunha proposición non de lei, que se estuden as medidas máis adecuadas para paliar as necesidades enerxéticas da poboación en risco de exclusión social. Así mesmo, demanda do Goberno central que se desenvolva a definición de consumidor vulnerable ao que se refire a nova Lei do Sector Eléctrico.

 POBREZA ENERXÉTICA

Balseiro Orol asegura que no Partido Popular “somos conscientes de que na Comunidade galega existen persoas que viven en fogares con pobreza enerxética”. Neste sentido, explicou que dun xeito técnico o concepto de pobreza enerxética emprégase cando nun fogar non hai diñeiro para pagar unha cantidade suficiente de enerxía que permita cubrir as necesidades básicas ou cando se destina unha parte excesiva dos ingresos familiares ao pagamento da factura enerxética dunha vivenda, provocando carencias noutras necesidades básicas. Ambas circunstancias, por desgraza, teñen adquirido notable relevancia como consecuencia do paulatino incremento da factura eléctrica durante os últimos anos

 MEDIDAS EFECTIVAS E XUSTAS

 “Non ignoramos que este é un gravísimo problema, polo que consideramos necesario que se estuden medidas que poidan paliar a vulnerabilidade de determinados segmentos de consumidores de enerxía eléctrica”, manifestou o deputado popular.

 Máis en concreto, Balseiro demandou a adopción de “medidas efectivas e xustas que solucionen o problema, de xeito que se axude á poboación que verdadeiramente o necesite, ao tempo que sexa asumibles desde o punto de vista económico tanto para as administracións como para os beneficiarios”.

 Balseiro indicou que o Partido Popular desde a administración nas que xestiona vén asomando a súa preocupación e interese por esta cuestión como de feito demostran as últimas reformas no sistema eléctrico, promovendo a progresiva eliminación das facturacións estimadas e, neste caso, a inminente reforma do cálculo tarifario (coa desaparición das poxas) coas que se busca unha reacionalización da factura e, a ser posible, un descenso no prezo da electricidade que paga o consumidor final.