Pleno do Parlamento

A conselleira do Medio Rural e do Mar respondeu no Parlamento a dúas preguntas relacionadas coa actividade do seu departamento

Rosa Quintana valora positivamente o acordo pesqueiro entre España e Portugal porque favorece a igualdade de condicións entre ambos países

image_gallery

  • Ademais propicia que moitos buques portugueses operen desde portos e lonxas galegas beneficiando economicamente a Galicia
  • En canto á mobilidade de terras e á súa relación coa futura Lei do solo, Rosa Quintana destacou a coordinación entre o seu departamento e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Santiago de Compostela, 26 febreiro de 2014.- A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, valorou positivamente o acordo pesqueiro entre España e Portugal, porque establece unhas regras de xogo igualitarias e favorece que ambos os países faenen en igualdade de condicións. Deste xeito, os barcos españois e portugueses aplicarán as medidas técnicas do país no que se realicen as pesquerías.

Sinalouno esta tarde no pleno do Parlamento, onde tamén informou de que o acordo ampara 250 buques e que deles 110 son galegos e outros 50 teñen vínculo operativo con Galicia. Ademais, indicou, favorece a arrastreiros, cerqueiros e barcos de artes menores.

Outro aspecto positivo do acordo que citou a conselleira é que favorece que moitos buques portugueses operen desde portos e lonxas galegas beneficiando economicamente a Galicia. No eido das descargas, o acordo recolle que os límites que rexan sexan os que estipule a organización de produtores do porto no que se realice a descarga, independentemente da nacionalidade do buque ou da zona na que se realizaran as capturas.

Mobilidade de terras En canto á mobilidade de terras e á súa relación coa futura Lei do solo, Rosa Quintana destacou a coordinación entre o seu departamento e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Neste sentido, advertiu que o corpo normativo que a Xunta está promovendo en torno á política territorial no ámbito do espazo rural (Lei de montes, Lei de mellora da estrutura territorial agraria, Lei de mobilidade de terras e Lei do solo) busca o mesmo fin. Este obxectivo é o de compaxinar a protección do territorio co uso produtivo do espazo rural, favorecer o redimensionamento da base territorial das explotacións e pór en valor os recursos do territorio.