Comisión de Pesca e Marisqueo

Os populares agradecen a celeridade e interese amosado pola Xunta e Goberno central que traballan desde o primeiro día no impulso das obras de emerxencia precisas e poñen en valor os compromisos que fixeron posible que a liña de axudas visen a luz canto antes

O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE “XA ESTÁN EN MARCHA” TODA UNHA BATERÍA DE AXUDAS DE EMERXENCIA EN APOIO DO SECTOR PESQUEIRO COMO CONSECUENCIA DA SUCESIÓN DE TEMPORAIS

 DSC_0003 (2)

  • A normativa estatal de urxencia recolle beneficios fiscais e bonificacións nas cotizacións á Seguridade Social para os profesionais da pesca e marisqueo, así como axudas directas para reparacións de danos en bens adscritos á actividade pesqueira
  •  A Xunta ampliou o prazo de axudas para solicitar proxectos presentados polas confrarías e agrupacións de mariscadoras de cara a rexeneración e recuperación de bancos produtivos e avalía novos danos acontecidos tras o último temporal

 

Santiago, 05 de marzo de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, quixo lembrar hoxe que xa están en marcha toda unha batería de axudas en apoio do sector pesqueiro e das empresas e profesionais que traballan neste ámbito para paliar as consecuencias negativas da sucesión de temporais que veñen afectando á costa galega e ao conxunto do litoral Cantábrico.

En consecuencia, os populares rexeitaron por “tardía e extemporánea” a iniciativa presentada na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia por Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) e na que se solicitaban distintos apoios “que xa existen” grazas ás iniciativas de urxencia impulsadas tanto polo Goberno central, a través do Real Decreto Lei de medidas urxentes como pola Xunta de Galicia. “Non falamos de fogos de artificio senón de feitos. Dunha batería de axudas publicadas no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia”-salientou Balseiro

BATERÍA DE AXUDAS DE URXENCIA

O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular lamentou o “enorme descoñecemento” das forzas da oposición do contido destas liñas de axuda e, nun repaso xeral sobre as mesmas, lembrou que o Real Decreto estatal recolle, entre outras medidas, “beneficios fiscais e bonificacións nas cotizacións á Seguridade Social para os profesionais da pesca e marisqueo”. A maiores, establece outros apoios para os establecementos pesqueiros ou para acometer as obras de reparación de danos en bens adscritos a empresas do ámbito do Mar.

No caso da Xunta de Galicia, o Goberno acordou a ampliación do prazo de axudas para solicitar distintos proxectos colectivos presentados polas confrarías e agrupacións de mariscadoras de cara a rexeneración e recuperación de bancos produtivos. Esta ampliación de prazo facilita ás entidades solicitantes a preparación dos proxectos que permitan restaurar os bancos marisqueiros e as poboacións de marisco danadas ou nas que tivo lugar unha alta mortaldade como consecuencia do forte vento e das intensas chuvias.

AXUDAS EN INFRAESTRUTURAS PESQUEIAS E DO LITORAL

A todo isto hai que engadir –como indicou Balseiro– as obras de emerxencia efectuadas nas infraestruturas portuarias e aquelas que se poidan realizar no futuro en función da avaliación dos danos que provocou o último temporal, xa que logo a sucesión de episodios meteorolóxicos adversos continua producíndose –a última fai dous días- e, polo tanto, a cuantificación final aínda non é definitiva.

Ademais, existen axudas específicas para os concellos costeiros co fin de financiar as obras de reparación das infraestruturas municipais e establecementos turísticos privados que queden afectados. A normativa inclúe, entre outras cuestións, axudas ás Corporacións Locais polos gastos causados para facer fronte a estas situacións de urxencia, como, por exemplo retirada de areas ou limpeza de vías e paseos marítimos.

SENSIBILIDADE E MEDIDAS EXCEPCIONAIS

Jose Manuel Balseiro destacou a preocupación demostrada en todo momento polos responsables da Consellería do Medio Rural e do Mar, outros departamentos autonómicos e polo propio Goberno central, ante a situación xerada polas vaga de tormentas e enfatizou a contribución e implicación directa da conselleira Rosa Quintana que, en opinión do deputado, resultou esencial para que estas axudas visen a luz canto antes.