OPINIÓN

<<A Festa do Ourizo máis internacional>>

 Jose Manuel Balseiro Orol

Con cada ano que pasa, e xa van 23 edicións, a Festa do Ourizo de San Ciprián –que se celebra este sábado día 15- adquire un maior protagonismo e relevancia para todos aqueles que desexen gozar da boa gastronomía e degustar un dos tesouros do noso mar con maior proxección desde o punto de vista do seu aproveitamento culinario

 A isto contribúe unha ampla programación deseñada para non pasar indiferente e que este ano volve, por exemplo, a apostar por esa fórmula de tanto éxito como é a demostración de cociña en vivo –show cooking– a cargo de prestixiosos fogóns recoñecidos coa estrela Michelín Xóse Canas e Alberto González.

 Pero tamén resulta decisiva a implicación de todo un pobo, acolledor e afable, volcado en apoio dunha iniciativa que, non me cansarei de dicilo, naceu do pobo, de quen parte o verdadeiro espírito promotor desta festa, que gañou folgos co compromiso firme dos hostaleiros da localidade e o apoio das administracións.

Nesta ocasión ademais a Festa do Ourizo transcende das nosas fronteiras, para facerse máis internacional que nunca grazas á importantísima oportunidade que me brindou a Confraría Gastronómica do Ourizo de Gijón e que non deixarei de recoñecer e agradecer.

O pasado sábado tiven a satisfacción persoal de pasar a formar parte deste colectivo, tras ser nomeado confrade de honra e de participar nun acto que agrupou a máis de 40 confrarías gastronómicas de España, Francia e Portugal. No meu discurso quixen aproveitar esa ocasión, para convidar aos todos os asistentes a achegarse ata San Ciprián, a coñecer a nosa festa, a visitar á nosa comarca, o noso pobo, e sumarse a esta degustación.

 Se para a Festa do Ourizo de San Ciprián foi un punto de inflexión o ano 2008, cando a Xunta recoñeceu a cita como festa de interese turístico galego, a oportunidade de darse a coñecer entre os expertos gastronómicos dos países veciños e outras comunidades de España, aspira a servir tamén para facer aínda máis grande e internacional esta cita con este produto con sabor a mar.

 Confirmo o meu compromiso coa difusión e proxección internacional dunha festa que aspira a seguir crecendo. Un deber que adquiro xa non como secretario do Parlamento ou como tenente de alcalde, senón –e sobre todo- como veciño dun pobo, San Ciprián, orgulloso dun dos seus produtos estrela.

Temos unha cita ineludible este sábado día 15 en San Ciprián: Degustar este exquisito prato protagonista das preparacións que deseñarán os distintos locais.

Jose Manuel Balseiro Orol

Secretario do Parlamento de Galicia