Comisión 19/03-b

O portavoz popular na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo rexeitou unha iniciativa na que se censuraba o investimento de 1,2 millóns de euros na seguridade da flota 

O GRUPO POPULAR PIDE Á OPOSICIÓN QUE DEIXE DE BOICOTEAR OS INVESTIMENTOS PORTUARIOS NA ILLA DE AROUSA

 Proyecto 4 para el Puerto de O Xufre.

  • Balseiro lembrou que o dique de abrigo do Xufre foi construído tralo consenso co sector profesional local e “está a resistir un inverno excepcionalmente duro”

 

 Santiago, 19 de marzo de 2014.- O Grupo Parlamentario Popular rexeitou esta mañá na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia unha Proposición non de lei na que se censuraba o investimento de 1,2 millóns de euros realizado pola Conselleira do Medio Rural e do Mar, a través de Portos de Galicia, na seguridade da flota da Illa de Arousa, a través da construción dun dique de abrigo aboiante, que se vén de rematar. O portavoz popular do Mar, Xosé Manuel Balseiro, pediu á oposición que deixe de boicotear os investimentos que a Xunta de Galicia e, en concreto o ente público, está a realizar para mellorar as condicións de traballo dos profesionais do municipio arousán.

Na súa intervención, Balseiro lembrou o proceso de tramitación desta actuación, no que estiveron implicados de forma activa os colectivos profesionais do mar da Illa de Arousa. Así, lembrou que o 14 de febreiro de 2012 Portos de Galicia presentou un estudio de alternativas para a mellora do abrigo no porto do Xufre. “Presentáronse concretamente 4 alternativas que quedaron de ser valoradas polo sector. En seguintes contactos a comunidade portuaria do Xufre informou a Portos de que 3 das catro agrupacións profesionais, optaron pola alternativa número 4 e así o trasladaron por escrito a Portos de Galicia. A outra asociación restante non expresou a súa preferencia, nin por ningunha das presentadas nin por outra posible proposta”, explicou.

APOIO MAIORITARIO

A continuación o portavoz do Mar do Grupo Popular engadiu que “Portos de Galicia, dado o apoio maioritario á alternativa dun dique flotante de 160 metros (alternativa 4) decidiu executar esta proposta. Posteriormente, no concurso público a empresa que resultou adxudicataria mellorou a súa oferta técnica e ofreceu incrementar os 160 metros do dique ata 240, polo que se reforzou notablemente a proposta de abrigo” e concluíu que “finalmente esta é a actuación que se executou: a creación dun dique de abrigo de 240 metros”. Así mesmo, Balseiro subliñou que “a Xunta de Galicia investiu nesta obra 1,2  millóns de euros, unha cifra de notable magnitude aínda máis no contexto actual de crise e limitación da dispoñibilidade orzamentaria no conxunto das administracións”

OPCIÓN TÉCNICA CON DEMOSTRADA EFICACIA

Sobre a efectividade do dique Balseiro reseñou que, tal como explicou Portos de Galicia, esta opción vén avalada polos estudios  técnicos realizados na zona e trátase dun exemplo de aplicación de I+D+i para protexer á flota e darlle seguridade no interior do porto. “Estes datos estan a verse refrendados tal o duro inverno que están a sufrir as costas galegas no que a concatenación de temporais está a deixar innumerables danos na práctica totalidade das instalacións portuarias, sen que, sen embargo, se teña rexistrado polo momento incidente algún no peirao do Xufre”, indicou.

 Finalmente o portavoz popular do Mar concluíu lamentando que voces alleas ao profesionais do mar  poñan en cuestión unha obra de tal importancia “sen basearse en dato algún e sumando a esto a incongruencia de pedir a Portos de Galicia a instalación de pantaláns no interior da dársena cando supostamente considera que o abrigo no seu interior non é seguro”.