Atención aos enfermos de cancro

O deputado popular di que os socialistas son tan pouco serios que reclaman agora o mesmo servizo polo que votaron en contra no Parlamento galego

BALSEIRO ANUNCIA QUE NO PRAZO DUN MES DARÁN INICIO AS OBRAS DE ADAPTACIÓN QUE PERMITIRÁN ACOLLER NO HOSPITAL DA COSTA OS TRATAMENTOS ONCOLÓXICOS

 sala1_25p

  • Aclara que non é preciso esperar á ampliación do hospital para que se poidan dar tratamentos de quimioterapia en Burela e confirma que, de feito, xa existe un espazo sobre o que se desenvolverán as obras de adaptación para albergar o hospital de día oncolóxico
  • Ratifica a firme vontade do PP e do Goberno galego para a posta en marcha desta nova prestación hospitalaria da que serán potenciais beneficiarios entorno a 80-100 pacientes da comarca enfermos de cancro

 

Burela, 3 de marzo de 2014.- O deputado do Grupo Popular e secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro, anunciou hoxe que no prazo dun mes darán inicio as obras necesarias para adaptar as instalacións de tal xeito que permitan acoller no Hospital da Costa, en Burela, os tratamentos oncolóxicos.

 O parlamentario popular quixo aclarar que non é preciso esperar á ampliación do hospital para que se poidan dar tratamentos de quimioterapia en Burela e confirma que, de feito, xa existe un espazo dispoñible e determinado sobre o que se desenvolverán as obras de adaptación para albergar o novo hospital de día oncolóxico.

 En todo caso, Balseiro amosouse sorprendido pola falta de seriedade dos socialistas que reclaman agora, nos medios de comunicación, o mesmo servizo polo que votaron en contra no Parlamento galego cando o Partido Popular, a finais do ano pasado, presentou a súa iniciativa destinada a posta en marcha do servizo de oncoloxía.

“En novembro o PSOE non quería o servizo de oncoloxía no Hospital de Burela e hoxe reclama ao SERGAS que o poña en marcha de inmediato. Esta é a pouca seriedade que teñen os socialistas cando se trata de falar dos servizos sanitarios. Pero os populares faremos realidade os nosos compromisos, como o fixemos cando se dotou ao Hospital da unidade de atención a domicilio que en tempos do bipartito non foron quen de poñer en marcha”- dixo o parlamentario popular

Fronte as dúbidas da oposición, Balseiro quixo ratificar a firme vontade do PP e do Goberno galego para a posta en marcha desta nova prestación hospitalaria da que serán potenciais beneficiarios entorno a 80-100 pacientes da comarca, enfermos de cancro, que ata o de agora teñen que desprazarse ás cidades de Lugo ou da Coruña para recibir os tratamentos de quimioterapia.