Pleno do Parlamento

O voceiro popular do Mar, Jose Manuel Balseiro, defende as vantaxes do actual modelo de reparto de cotas do cerco fronte a alternativa proposta polo PSOE que sería moi prexudicial

O GRUPO POPULAR SINALA QUE A MOCIÓN DEFENDIDA POLO PSOE NO PLENO DO PARLAMENTO ESTÁ REPLETA DE INCOHERENCIAS, CINISMO E TOTAL DESCOÑECEMENTO

 Tribuna

  • Os populares alertan que un modelo de reparto baseado no número de tripulantes -eliminando os criterios históricos- sería moi prexudicial para a maioría das flotas de Galicia, incluída a do cerco, xa que suporía perder, por exemplo, 2.300 toneladas de xurelo, a principal especie desta flota

Santiago, 8 de marzo de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento que, “todo na vida é mellorable” aínda que sinalou que o actual modelo de reparto de cotas para a flota do cerco permite dispoñer de máis do dobre das posibilidades de pesca de xarda, respecto das que existían o ano pasado, e que Galicia obteña o 43,2% da cota do xurelo de todo o Cantábrico, isto é, da especie de maior interese para este segmento de flota.

O portavoz do Mar popular sinalou outras vantaxes do novo modelo de xestión, como por exemplo a que permite que a campaña se adapte ao ciclo migratorio e, con isto, “que non se esgote a cota con anterioridade a que as poboacións de peixe cheguen as nosas augas como acotencía no pasado, ademais de rematar coa pesca olímpica”.

Balseiro dixo tamén que Galicia terá máis porcentaxe de cota onde máis quilogramos se reparten, así como nas zonas máis próximas ás nosas costas, “incluso chegando a dispoñer dun 97,9% da cota de xurelo na zona IXa (Augas de Fisterra ata o sur)”. O parlamentario popular tamén quixo salientar que si consideramos o reparto inicial das cotas do cerco, Galicia recibe 1.838 kg por GT duplicando ao País Vasco con 811 kg por GT.

Con todo, Balseiro considerou que o mellor argumento que amosa a fortaleza do acordo acadado entre o propio sector e a administración para establecer o sistema de xestión é que, “aínda que lle moleste á oposición, que prefería ver á flota amarrada, os profesionais están no mar, faenando, en plena campaña de pesca”.

PROPOSTA PREXUDICIAL

O Grupo Parlamentario Popular rexeitou o modelo de reparto proposto polo PSOE na súa moción plenaria. Balseiro dixo se non aplicamos os históricos e repartimos todo por tripulante “sería moi prexudicial para a gran maioría das flotas galegas, xa que poderiamos perder boa parte das cotas asignadas, entre outros, no Gran Sol”. Pero ademais tamén prexudicaría a propia flota do cerco xa que perdería, por exemplo, 2.300 toneladas de xurelo na zona IXa. Os populares consideran cínico e incoherente que a mesma forza política, o PSOE, que no Goberno mantiña un reparto baseado nun 80% nos dereitos históricos hoxe critique un sistema de reparto que reduce este criterio ata o 70%

 SANCIÓNS POR SOBREPESCA CO PSOE NO GOBERNO

 Balseiro tamén quixo salientar que o feito que máis prexudica á flota do cerco, en relación coas capturas da xarda, “son as sancións por sobrepesca que nos impuxeron cando o PSOE estaba no Goberno, incluído o propio portavoz socialista que era Delegado Territorial de Pesca en Celeiro”. O portavoz popular dixo que daquela os socialistas non foron quen de desenvolver unha mínima supervisión e xestión consecuencia do cal hoxe se detraen da cota da xarda 10.000 toneladas anuais”

 Os populares foron moi críticos co discurso do PSOE cuxo portavoz non foi quen de responder a ningún dos argumentos e preguntas formuladas por Balseiro xa que, se limitou a ler unha intervención de resposta que traía por escrito e na que falaba de asuntos que nin tan sequera foron formulados durante o debate.