Pleno do Parlamento 09/04

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, lembra que PSOE e BNG non quixeron apoiar as iniciativas da Xunta e do sector dirixidas á derrogación do principio de estabilidade relativa

O GRUPO POPULAR DEFENDE A INTERPOSICIÓN DUN RECURSO ANTE O TRIBUNAL DE XUSTIZA DA UE CONTRA O SISTEMA DE REPARTICIÓN DE COTAS PESQUEIRAS BASEADO NA ESTABILIDADE RELATIVA

 PropA

  • Os populares non apoiaron a iniciativa do BNG ao entender que o Goberno estatal é quen, segundo a xurisprudencia, está lexitimado para interpoñer o recurso de anulación e defenderon unha emenda con este obxectivo rexeitada polos nacionalistas

  

Santiago, 9 de abril de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a necesidade de interpoñer un recurso de anulación ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea contra o sistema comunitario de repartición das posibilidades de pesca baseado no mal chamado principio de estabilidade relativa, por entender que é discriminatorio e prexudicial para os intereses da flota galega.

 LEXITIMACION DO ESTADO

 Os populares consideran que o camiño correcto para a impugnación xudicial é facelo a través do Goberno do Estado, que dispón da lexitimación activa para interpoñer o recurso, segundo establece a xurisprudencia vixente en relación co artigo 263 dos tratados constitutivos. Con este argumento os populares rexeitaron a iniciativa do BNG na que se insistía a necesidade de facelo directamente a través da Xunta. Balseiro que aclarou que a súa discrepancia era máis “de forma que de fondo” xa que sospeita que, “de ter aprobado a literalidade da iniciativa do BNG levaríamos a perder o recurso por inadmisión”.

 EMENDA POPULAR

 O Grupo Popular incorporaba na súa emenda dous puntos, o primeiro “chamado a cargarse de argumentos e, o segundo, dirixido a facer efectiva a impugnación xudicial”. En concreto a emenda pide á Xunta a elaboración dun ditame xurídico que reflicta os argumentos necesarios para defender a retirada e derrogación do principio de estabilidade relativa para, con posterioridade, dirixirse ao Goberno de España para que denuncie ante o Tribunal de Xustiza da UE este sistema de reparto incluído na Política Pesqueira Común.

 Balseiro aclarou que esta impugnación non tivo lugar ata o de agora xa que “estabamos en pleno proceso de debate sobre a reforma da Política Pesqueira Común” e indicou que “non tiña sentido impugnar unha norma que podía modificarse”. Con todo, como o actual regulamento comunitario mantén a estabilidade relativa “o sistema de reparto que entendemos inxusto e discriminatorio agora si estamos en disposición de presentar este recurso”

 CINISMO

 Balseiro quixo poñer de relevo, na súa intervención, que o BNG amosaba coa súa iniciativa “un enorme grado de cinismo político e de incoherencia ideolóxica” xa que lembrou “os nacionalistas non quixeron apoiar as iniciativas da Xunta e do sector dirixidas á derrogación do principio de estabilidade relativa en todas as ocasións anteriores que este asunto chegou ao Parlamento”. Así aconteceu, polo menos, en dúas ocasións, no Pleno celebrado o 28 de marzo de 2012 e 13 de xuño dese mesmo ano, ambas iniciativas do PP que non contaron co apoio nin do PSOE, nin do BNG.

 Os populares consideran que coa súa actitude o BNG “foi o principal aliado” do actual sistema de reparto de cotas en Europa, mentres o PP e a Xunta “sempre defenderon e tiveron claro a necesidade de cambiar os TAC e cotas como sistema de reparto”