Sector leiteiro

A voceira do Medio Rural, Isabel García Pacín, acompañada dos deputados Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra fixo unha diagnose da situación do sector leiteiro da comarca na última campaña antes da desaparición das cotas lácteas en 2015

 OS GANDEIROS DA MARIÑA GANARON 9,6 MILLÓNS DE EUROS MÁIS NO ÚLTIMO ANO POLA SUBA DO LEITE

 IMG-20140414-WA0001

  • As 369 explotacións da comarca ingresaron 35,17 millóns de euros en 2013 tras producir 89,7M de kg
  • Os populares defenden que, ante a liberalización do mercado, a produción debe reforzarse na negociación de prezos apoiándose nas novas ferramentas normativas impulsadas polo PP: a lei da cadea alimentaria e o paquete lácteo

 

Ribadeo, 14 de abril de 2014.- A voceira de Medio Rural do Grupo Parlamentario Popular, Isabel García Pacín, acompañada polos deputados mariñáns Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra ofreceu esta mañá unha rolda de prensa en Ribadeo na que fixo unha diagnose da situación do sector leiteiro na Mariña lucense nesta última campaña e coa mirada posta no novo escenario que se abre coa desaparición das cotas lácteas en 2015.

ALZA DO PREZO DO LEITE EN ORIXE

García Pacín explicou que no escenario actual as cifras de produción son beneficiosas para o sector lácteo e, de feito, así o demostran os resultados acadados co alza do prezo do leite en orixe para os gandeiros mariñáns no último ano. A voceira dixo que si tomamos como referencia o prezo en xullo do 2012, de 28, 42 céntimos de euro e a media de decembro do 2013 de 39,20 céntimos, (ambas son os prezos mínimo e o máximo acadado nos respectivos períodos) o incremento substancial acadado de 10,78 céntimos, supón que as 369 explotacións da comarca, incrementaron os seus beneficios en 9,6 millóns de euros, pasando de 25,5 millóns de euros en 2012 a 35,17 millóns de euros en 2013.

RADIOGRAFÍA DO SECTOR LÁCTEO MARIÑÁN

 Afondando nos datos que ofrecen unha radiografía do sector leiteiro mariñán García Pacín explicou que na comparativa de cota de produción asignada, A Mariña supón con 89,7M de kg o 8,22% da provincia de Lugo e o 3,8% de Galicia. “Ribadeo é o concello cun maior número de explotacións, 97 que se reparten 29,1M de kg”.

 Os populares indicaron que aínda que na Mariña lucense as cifras tanto en número de explotacións como no censo de bovinos é menor porcentualmente que a nivel provincial e autonómico, o tamaño das explotacións supera a media galega e provincial, cunha media de 28,4 vacas por explotación e unha produción media asignada de 243.176kg/explotación.

 PREVISIÓNS TRAS A DESAPARICIÓN DAS COTAS LÁCTEA

 En perspectiva cara o futuro os populares defenderon que ante a desaparición das cotas lácteas a produción está obrigada a reforzarse na negociación de prezos, coas ferramentas normativas á súa disposición.

 Neste senso salientou os apoios que suporán para os profesionais gandeiros novas normas impulsadas polo Partido Popular como a Lei 12/2013, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, e o paquete lácteo, establecido mediante R.D. 1363/2012, que regula os contratos, as organizacións de produtores e as interprofesionais

 “Espérase a estabilidade nos prezos de orixe durante os próximos dous anos, pero fronte á liberalización dos mercados no 2015, aínda que aparece a oportunidade de expansión da produción, será necesario reforzar ao sector produtivo na negociación, ben a través de unións de base cooperativa como sindical. Deben facerse fortes para negociar mellores prezos para o seu produto”-aconsellou Pacín.

 Nunha referencia final á nova PAC os populares salientaron que no novo período de aplicación desta política comunitaria o sector lácteo sairá reforzado dentro das producións axustadas, pasando as axudas actuais dos 57M de euros aos 94M de euros, isto é, un incremento do 63%. Deles Galicia percibe anualmente un 50%, aclarou García Pacín.