Oncoloxía no Hospital da Costa

O deputado salienta que o Goberno galego cumpre así o compromiso adquirido cos veciños da comarca e logo da aprobación dos acordos no Parlamento de Galicia e nos concellos polos que o Partido Popular demandaba a creación deste novo servizo

BALSEIRO APLAUDE O INICIO DAS OBRAS DA SALA DE QUIMIOTERAPIA NO HOSPITAL DA COSTA QUE EVITARÁN O DESPRAZAMENTO DOS ENFERMOS DE CANCRO

 sala1_25p

  • Salienta o enorme beneficio social e sanitario que os enfermos e as súas familias obterán ao poder recibir o tratamento preto dos seus domicilios
  • Anuncia o seu desexo de que os traballos para a adaptación dos espazos e posta en marcha deste novo servizo poidan desenvolverse con axilidade para que sexa realidade o antes posible

 

Santiago, 27 de maio de 2014.- O secretario do Parlamento de Galicia e deputado autonómico do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, aplaudiu hoxe o inicio das obras necesarias para a posta en marcha da nova sala de tratamentos oncolóxicos e de quimioterapia que veñen de comezar no Hospital da Costa de Burela, segundo anunciou onte o seu Director Xerente, tras a retirada dos historiais médicos que ocupaban ata o de agora, este espazo de arquivo.

O parlamentario popular salienta o enorme beneficio social e sanitario que os enfermos de cancro e as súas familias obterán ao poder recibir preto dos seus domicilios estes tratamentos de quimioterapia sen necesidade de trasladarse, como acontece agora, ás cidades de Lugo ou da Coruña, coas correspondentes incomodidades, que se sumaban aos efectos secundarios do propio tratamento. O novo hospital de día oncolóxico disporá dunha sala con ata 14 prazas, consulta do oncólogo, zona diferenciada para doentes de uroloxía, un aseo, en definitiva, un espazo de máis de 120 metros cadrados que permitirá atender a máis de 100 doentes.

CÚMPRESE UN COMPROMISO PROMOVIDO POLO PP

O deputado salienta que o Goberno galego cumpre así o compromiso adquirido cos veciños da comarca e, de xeito especial, logo da aprobación dos acordos no Parlamento de Galicia e nos concellos polos que o Partido Popular –formación política promotora– demandaba a creación deste novo servizo.

Lamenta tamén que socialistas e nacionalistas parezan molestos porque o Partido Popular vai a facer realidade este servizo que eles non propuxeron nin quixeron crear cando tiveron responsabilidade de Goberno na Xunta de Galicia

Balseiro expresa o seu desexo de que os traballos para a adaptación dos espazos e posta en marcha deste novo servizo poidan desenvolverse con axilidade, dada a importancia do mesmo, para que sexa realidade o antes posible.