Pleno do Parlamento

Os populares censuran a falta de traballo e dedicación parlamentaria de AGE, cuxos deputados formulan repetidamente as mesmas iniciativas en Pleno e Comisión cando xa foron debatidas e tratadas

O GRUPO POPULAR DEFENDE O MODELO GALEGO DE LOITA CONTRA O LUME QUE PERMITIU REDUCIR MÁIS DA METADE DA SUPERFICIE QUEIMADA

 untitled

  • Os populares defenden que é un servizo público, financiado con fondos públicos e profesional e unificado
  • Os populares sinalan que a Xunta de Galicia debe aproveitar todos os recursos dispoñibles na loita contra o lume, sen ningún tipo de excepción e condicionantes

 

Santiago, 28 de abril de 2014.- O voceiro de Montes do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu o modelo galego de loita contra o lume que permitiu reducir, se comparamos os datos oficiais das últimas lexislaturas, máis da metade da superficie queimada. Así o afirmou no debate dunha iniciativa que Alternativa Galega de Esquerda presentaba por quinta vez no Parlamento de Galicia e na que volvía a demandar que non se empregasen todos os recursos actuais na loita contra os incendios forestais

O parlamentario do Grupo Popular mantivo que o sistema galego de loita contra o lume xa é un servizo público “que non necesita polo tanto ser recuperado” e, nesa liña, lembrou que está financiado con fondos públicos e coordinado e dirixido por persoal público. “Son os galegos os que cos seus impostos sosteñen estes operativos de loita contra o lume. En Galicia para apagar incendios se empregan medios técnicos e traballadores pagados todos eles con cartos públicos”, explicou Balseiro.

APROVEITAR RECURSOS DISPOÑIBLES

Os populares defenden como unha premisa irrenunciable que a Xunta aproveite todos os recursos dispoñibles, “sen ningún tipo de excepción e condicionantes”, e entre eles as brigadas municipais ou os medios aéreos concesionados.

Centrándose nas externalizacións dalgúns servizos de extinción de incendios, Balseiro dixo que estas “non son negativas” xa que resulta complicado dispor de medios humanos plenamente públicos para operar brigadas helitransportadas, dada a especialización que leva aparellada esta función e o tempo limitado no que se desenvolve, “como acontece tamén no caso dos avións de carga en terra”.

O portavoz de Montes do Grupo Popular tamén lembrou que este mesmo modelo foi amplamente desenvolvido na etapa do bipartito. “Socialistas e nacionalistas aplicaron este sistema de contratación nas brigadas helitransportadas e hoxe renegan do que fixeron”, dixo Balseiro

 O SISTEMA QUE FUNCIONA

 Os populares indicaron que o modelo actual é un sistema que funciona, e como proba disto lembrou –con datos oficiais- que hai sensibles diferenzas se comparamos entre si as últimas lexislaturas (2005-2009, 2009-2012)

“Comparando ambos períodos a superficie total queimada reduciuse máis da metade (52%): pasando de 161.000 has ás preto de 77.000. A superficie arborada queimada tamén reduciuse, por riba do 75%. Igual comportamento tivo o número total de lumes que se reduciron nun 20,6%, pasando de 24.672 a 17.982”, explicou.

Tamén rebaixamos sensiblemente as ratios de superficie queimada por lume, “o que significa que mellorou a eficacia na loita contra esta lacra”. E mentres en Galicia se consigue deixar en conato máis do 70% dos lumes, noutras comunidades como Asturias, co PSOE no Goberno, só consigue deixar en conato o 45% dos lumes, ou no País Vasco (gobernado por nacionalistas) só conseguen deixar en conato o 50% dos lumes, cifran moi inferiores.

Os populares censuraron finalmente a falta de traballo e dedicación parlamentaria de Alternativa Galega de Esquerdas, cuxos deputados formulan repetidamente as mesmas iniciativas en Pleno e Comisión que xa foron debatidas e tratadas