Comisión 7ª 13/06/2014

Os populares subliñan que a aprobación polo Goberno do PP da primeira Lei de Montes, así como a lexislación que a desenvolve, representa un fito histórico que está a servir de marco e apoio legal ás actuacións do Goberno dirixidas a que Galicia siga ocupando, no conxunto do territorio nacional, un lugar esencial no ámbito forestal

BALSEIRO ASEGURA QUE AGE DESCOÑECE A NORMATIVA FORESTAL AUTONÓMICA QUE XA APOSTA POR UNHA SILVICULTURA SOSTIBLE, POR POTENCIAR A XESTIÓN CONXUNTA DA PROPIEDADE FORESTAL E POR SIMPLICAR OS TRÁMITES ADMINISTRATIVOS

 Montes

  • Salientan os esforzos do actual Goberno galego para potenciar en Galicia toda a cadea de valor da madeira con axudas para empresas de aproveitamentos forestais, serradoiros, en I+D+i, ou con apoios para o impulso do uso da biomasa

Santiago, 13 de xuño de 2014.- O voceiro da área de Montes do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu hoxe que a aprobación na pasada lexislatura da primeira Lei de Montes de Galicia polo Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo, así como os distintos decretos e ordes que a desenvolven, representan un fito histórico que está a servir de marco e apoio legal ás actuacións da Xunta dirixidas a que Galicia siga ocupando, no conxunto do territorio nacional, un lugar esencial no ámbito forestal.

Balseiro dixo que para o Goberno galego o monte, e a actividade económica asociada ao mesmo, é un sector considerado estratéxico e salientou algúns datos positivos coñecidos nas últimas datas como que Galicia dispón de aproximadamente o 45% do total da produción de madeira no conxunto estatal, e que a nosa comunidade lidera a exportación deste produto, superando á comunidade autónoma de Cataluña, que reafirman a nosa posición como primeira potencial forestal en España.

AGE DESCOÑECE A NORMATIVA FORESTAL VIXENTE

O voceiro de Montes do Grupo Popular fixo estas declaracións no marco do debate dunha iniciativa de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) que, na sesión celebrada esta mañá da Comisión 7ª do Parlamento de Galicia, propuxo unha serie de actuacións para desenvolver polo Goberno galego no ámbito da madeira. Balseiro asegurou que AGE descoñece a normativa forestal vixente en Galicia e sinalou que a propia lexislación autonómica, e as actuacións da Xunta neste ámbito, xa incorporan as propostas formuladas.

Así por exemplo Balseiro defendeu que a Lei de Montes xa aposta por unha silvicultura sostible como demostra o feito de que todos os propietarios forestais teñen a obriga de dotarse dun instrumentos de ordenación ou xestión forestal ou a liña de axudas aprobada pola Xunta para a silvicultura, preventiva e produtiva que permitiu que só en 2013 se actuase sobre 56.163 hectáreas. O parlamentario popular tamén salientou os esforzos da administración autonómica polo fomento de fórmulas de asociacionismo e xestión conxunta da propiedade, con medidas como as concentracións parcelaris ou os apoios a constitución e funcionamento das sociedades de fomento forestal (SOFOR)

SIMPLICACIÓN ADMINISTRATIVA E CADEA DE VALOR

En relación co outras propostas formuladas por AGE os populares salientaron que xa están cumpridas. De feito a nova lei de Montes, e os regulamentos que a desenvolven introducen sistemas de clarificación, simplificación e axilización dos trámites administrativos relativos á actividade forestal e establecen os aproveitamentos forestais que están sometidos a autorización, cales a comunicación e cales a notificación, ampliando aqueles supostos nos que a carga burocrática é menor.

Finalmente Balseiro salientou os esforzos da Xunta para potenciar a actividade industrial en Galicia de toda a cadea de valor da madeira, e explicou que a día de hoxe hai unha multitude de axudas neste ámbito: para creación e mellora de empresas de aproveitamentos forestais, a serradoiros nos anos 2012 e 2013 por un investimento total de 5.296.680 €, para potenciar a I+D+i, ou outras iniciativas innovadoras como para o desenvolvemento da fertilización no monte para a potenciación do uso de caldeiras de biomasa, e aproveitamento deste biocombustible, etc Ámbitos nos que, o descoñeza AGE ou non, seguirán afondando desde o Goberno galego.