Prevención de danos

 

“Os accidentes e a dor son evitables e non temos porque convivir con eles” asegura o voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular

BALSEIRO ANIMA A CONSULTAR E DIFUNDIR A NOVA GUÍA SOBRE PREVENCIÓN DE DANOS MÚSCULO-ESQUELÉTICOS PARA AS TRABALLADORAS DO MAR

Jose Manuel Balseiro Orol

 

  • Editada pola Consellería de Traballo e Benestar a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) estará dispoñible na páxina web do ISSGA
  • A premisa fundamental desta guía é que a inmensa maioría dos accidentes e enfermidades profesionais son evitables mediante técnicas de prevención

  

Santiago, 20 de xuño de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, fixo hoxe un chamamento para dar a coñecer e consultar a nova guía sobre prevención de danos músculo-esqueléticos para as traballadoras do mar, editada pola Xunta de Galicia en colaboración co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA)

O voceiro popular explicou que esta é unha ferramenta moi útil para evitar trastornos de saúde provocados por sobreesforzos, posturas forzadas, repetición de movementos ou manipulación de cargas, que supoñen o risco máis frecuente para mariscadoras e redeiras, así como para outros colectivos do ámbito pesqueiro.

A nova guía que, a partir de hoxe mesmo, está dispoñible na páxina web do ISSGA, contará tamén para a súa difusión coa colaboración da Asociación Mar Seguro Galicia e as Confrarías galegas. Neste sentido, este documento “configúrase como un instrumento escrito e audiovisual (libro e DVD) que apoia e facilita a formación e a prevención neste tipo de situacións”.

OS ACCIDENTES E A DOR EVITABLES

Balseiro quixo deixar claro que “os accidentes e a dor son evitables e non temos porque convivir con eles” e nese senso indicou que a guía parte como premisa fundamental do feito de que a inmensa maioría das enfermidades profesionais son evitables mediante técnicas de prevención. De feito este documento incorpora unha serie de recomendacións e pequenos e fáciles consellos que, aplicados no día a día, van a permitir un aumento do benestar das traballadoras no exercicio da súa actividade

Todas estas actuacións enmárcanse no Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014 que foi un dos primeiros acordos alcanzados no Diálogo Social, un plan que fai especial referencia ao sector pesqueiro e, en concreto, a aquelas actividades onde a presenza da muller é maior, como as mariscadoras e as redeiras, aínda que, por suposto, os consellos son válidos tamén para os homes.

4.000 PROFESIONAIS DO MARISQUEO A PÉ

Actualmente hai 4.000 persoas con permiso de marisqueo a pé en Galicia, o 85% mulleres. A este colectivo hai que engadir ás profesionais que traballan na confección e reparación de redes e artes de pesca

O ISSGA conta con diversas iniciativas de apoio a este colectivo como son a análise de riscos e recoñecementos médicos que se fixo a mais de 1.000 mariscadoras e redeiras; a elaboración dun estudo epidemiolóxico no marisqueo a pé para detectar as causas das enfermidades relacionadas co traballo no sector; ou a presentación, en 2012, da guía de boas prácticas no marisqueo a pé con pautas básicas para o seu traballo diario.

Enlace web:

http://issga.xunta.es/export/sites/default/recursos/descargas/documentacion/publicacions/Prevencixn_de_danos_musculoesqueleticos_traballadoras_do_mar.pdf