Concello de Cervo

O PSOE non apoia solicitar á Deputación que remate os accesos ao polígono de Cuíña

IMG_15951

  •  O grupo de goberno lamentou a falta de unanimidade na reclamación dunha estrada directa para o polígono

Cervo, 1 de agosto de 2014-O grupo de goberno lamenta profundamente que ao PSOE de Cervo “non lle preocupen os accesos ao polígono de Cuíña, nin a seguridade dos veciños, nin a seguridade viaria nin o desenvolvemento económico e industrial do municipio”, tal e como asegura o tenente de alcalde, José Manuel Balseiro. O voceiro do goberno local fai estas declaracións despois de que onte no pleno os socialistas non votasen a favor de pedirlle á Deputación que remate os accesos.

En concreto, a corporación debateu unha moción do grupo de goberno que entrou na orde do día pola vía da urxencia, motivada polas constantes negativas da Deputación e polo accidente, o luns pasado, dun camioneiro que resultou ferido mentres buscaba o polígono.

Unha moción que o PSOE non apoiou, absténdose na votación. Polo tanto, os socialistas non quixeron aprobar o seguinte texto: “O Pleno da Corporación municipal de Cervo acorda instar á Deputación de Lugo a incorporar nos orzamentos provinciais para o ano 2015 unha partida económica coa dotación suficiente para a execución e remate completo das obras da estrada de acceso ao polígono industrial de Cuíña”.

Balseiro manifesta que “dende o grupo de goberno esperabamos que nun tema tan importante coma este houbese unanimidade” e, por suposto, “tamén confiabamos en que a voceira do PSOE puxese os intereses dos veciños por riba dos seus propios como vicepresidenta da Deputación”, pero “quedou demostrado que as súas preocupacións non teñan nada que ver con axudar aos cervenses”.

O voceiro do grupo popular insiste na necesidade de que a Deputación, “remate o que comezou” deixando claro que “os terreos afectados polos accesos son de titularidade da Deputación”, polo que “é un tema da súa exclusiva competencia”.

Balseiro pídelle ademais ao grupo socialista que reflexione sobre a actual situación que vive o municipio. “Non lles preocupa que todos os días decenas de camións, algúns con cargas perigosas, e de moita tonelaxe, pasen por diante do instituto de secundaria, do centro de saúde, do pavillón de deportes, ou do campo de fútbol?”