Opinión

<< A Deputación en Cervo: O non polo non >>

Jose Manuel Balseiro Orol

Os populares de Cervo seguiremos reclamando o que é de xustiza: que a Deputación desbloquee a obra de construción da estrada de acceso ao polígono de Cuiña. Farémolo a pesar dos obstáculos que pon o PSOE e convencidos de que, dispoñer desta nova estrada poder ser o impulso que necesita para seguir sumando empresas, oportunidades laborais e para o emprendemento. Non nos conformamos, nin aceptamos a estratexia da Deputación: a do non polo non.

Cando no ano 1999 o PP accedeu á responsabilidade de goberno do Concello de Cervo o polígono industrial de Cuíña era pouco máis que un moi incipiente e precario proxecto cunha soa nave comercial. Desde entón, os populares vimos apostando por este espazo empresarial, promovendo moi distintas iniciativas e obras que multiplicaron o espazo dispoñible, foron sumando novas empresas –entre elas as multinacionais da acuicultura e pesca– e, a través disto, fixemos posible dispoñer de novas oportunidades de emprego.

Os populares situamos como prioridade aquelas políticas que entendemos poden redundar en beneficio dos nosos veciños, no incremento da actividade económica local e na creación de postos de traballo. Fixémolo no polígono industrial de Cuiña e fixémolo tamén liderando a posta en marcha dun ambicioso proxecto como foi o cinto industrial no contorno de Alcoa. Ambos, sempre atoparon a falta de colaboración das forzas da oposición e en particular do PSOE

 Foi un Goberno bipartito da Xunta, conformado daquela por PSOE e BNG o que, en plena época de bonanza e cando maiores posibilidades teríamos de captación de empresas, decidiu paralizar o proxecto. Conseguimos recuperalo e darlle o amparo necesario para que, cando cambien as circunstancias económicas poidamos aproveitar esta disposición de solo. Situación similar acontece co polígono industrial de Cuiña onde a Deputación, pese a ter feito co PP a primeira fase das expropiacións e explanación duns 800 metros de vía (algo máis da metade do total, de 1.500 metros de lonxitude), non quere continuar a estrada chamada a garantir una acceso directo desde a estrada nacional 642, neste caso coa activa oposición do PSOE.

A carencia dun acceso directo non só supón un prexuízo para desde o punto de vista das oportunidades de comunicación do polígono senón, como a práctica demostrou, un factor de risco viario, xa que moitos camións e maquinaria de gran tamaño circulan por vías non axeitadas, e sofren accidentes, ou se vén obrigadas a pasar polo centro de San Ciprián, as inmediacións do instituto, centro de saúde, da residencia co consecuente perigo.

 A Deputación de Lugo dispón da capacidade suficiente para desbloquear esta obra e incorporalo nos orzamentos provinciais do 2015. Non é un problema de falta de recursos, senón de ausencia de vontade. Simplemente -de novo o bipartito- non quere. Se xa é difícil comprender como a Deputación se está a negar a desbloquear un proxecto paralizado nas últimas dúas lexislaturas con Besteiro, moito máis, que haxa concelleiros locais como Lara Méndez que, co seu voto, están a negar o apoio a esta reivindicación.

 Os populares de Cervo seguiremos reclamando o que é de xustiza: que a Deputación desbloquee a obra de construción da estrada de acceso ao polígono de Cuiña. Farémolo a pesar dos obstáculos que pon o PSOE e convencidos de que, dispoñer desta nova estrada poder ser o impulso que necesita para seguir sumando empresas, oportunidades laborais e para o emprendemento. Non nos conformamos, nin aceptamos a estratexia da Deputación: a do non polo non.