Opinión

Cautivo do pasado? Non, orgulloso

Jose Manuel Balseiro Orol

Obras son amores reza a expresión popular para indicarnos que, segundo o refraneiro, as promesas son meras palabras se non se concretan en accións que demostren a vontade por facer as cousas. É absolutamente certo que, quen aquí subscribe, ten unha longa traxectoria política, probablemente repleta de erros e acertos, pero fronte a que, en ningún caso, ninguén pode poñer en dúbida a falta de dedicación e compromiso co meu pobo e cos meus veciños

Pola contra o compromiso co seu pobo e o traballo, brillan pola súa ausencia cando falamos, por exemplo, de Lara Méndez. Para a actual concelleira socialista e vicepresidenta segunda da Deputación, todo son escusas e evasivas no intento de xustificar os continuos desprezos e desatencións da administración provincial cos veciños de Cervo.

Isto contrasta con máis de tres lustros de traballo do equipo popular en Cervo que ten capitaneado a transformación do concello avalada, unha e outra vez, polo apoio cidadán nas urnas. Anos de dedicación e compromiso que, lonxe de servir de argumento para converterme en cautivo do pasado, ofrecen moitas razóns para sentirse orgulloso destes 16 anos de Goberno do Partido Popular local.

De feito, por citar só algunha das principais actuacións -xa que moitas quedan no tinteiro porque non chegarían as follas dun xornal- baixo mandato popular conseguíronse as declaracións de interese turístico para as tres principais festas deste concello: Maruxaina, Queimada e Festa do Ourizo; construíuse a praza dos Campos, o centro de saúde e a residencia da terceira idade, mercáronse os terreos e construíuse a Casa da Cultura e do Auditorio Municipal; construíuse o pavillón polideportivo da Veiga e remodelouse a fachada marítima: o parque Raiña Sofía e o paseo marítimo de Lieiro ata a Ponte Romana; mercáronse os terreos no Miramar e renovouse o paseo marítimo da praia do Torno; construíronse as beirarrúas no istmo; dotouse do edificio de servizos á praia de Cubelas; e construíuse o dique de abrigo e ampliación do porto de San Ciprián, as casetas dos mariñeiros e a mariña seca; acadouse a cesión e arranxo dos locais que hoxe emprega o club náutico e a remodelación e apertura da fachada da capela de San Ciprián; rehabilitouse a prazoleta e praziña do Lugar, e cambiáronse as luminarias no Porto de Arriba, remodeláronse os paseos na zona do Faro, as súas beirarrúas e as luminarias e espazos públicos das vivendas da Atalaia; promoveuse a remodelación dunha boa parte do casco antigo de San Ciprián: rúas Aduana, Campos e Beiramar; dotouse de luminarias, beirarrúas e abastecemento de auga en toda a avenida da Mariña e novas luminarias desde O Castelo a San Ciprián. Actuouse na Veiga, rúas Asturias e Manoel Antonio mellorando o alumbrado, beirarrúas e patios interiores e tamén na zona do Bierzo. Abríronse camiños e novas pistas na zona de Lieiro, incluído o acceso a súa praia. Traballouse con intensidade e coordinados para traer o gasoduto a Alcoa e acadar a nova tarifa eléctrica que garantiu a súa continuidade.

Actuamos en Río Cobo, dotando de luminarias e beirarrúas á estrada que une a urbanización con San Ciprián e de alí ata a estrada ata a nacional, remodelouse a urbanización da Florida e actuamos no asfalto da urbanización Galdín; investiuse na remodelación do colexio público de San Ciprián e dotouse do novo pavillón; remodeláronse todas as luminarias da urbanización Rio Cobo, acondicionando xardíns e os espazos entre as vivendas; construíronse os adosados sociais e reduciuse a perigoso cruce coa estrada nacional. Dotouse de alumbrado aos camiños que unen Rio Cobo e Cervo e creáronse as novas rúas de acceso e conexión do Hospitalillo ao colexio da capital municipal; construíuse o edificio multiusos contiguo á Casa do Concello, mercáronse os terreos e construíuse o parque Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane; construíronse as vivendas sociais de Cervo e o seu parque contiguo, acondicionouse a rúa Rego Cachón e remodelouse a praza do Souto; impulsouse a obra de abastecemento conxunto de Cervo e Burela así como o saneamento integral dos principais núcleos do concello e as construcións das novas estacións depuradoras e do emisario de Cuiña, un polígono que, por certo, foi ampliado ata en dúas ocasións para poñer novas empresas, durante estes anos.

Impulsouse o saneamento e acondicionamento en Gondrás e dotouse de local social, e da estrada Gondrás-Castelo; acondicionouse a estrada de Rio Cobo a Trasbar e abriuse a pista de Castelo á Senra. Construíuse e ampliouse o local social de Trasbar, a estrada que sube á Fraga e á capela de Santa Eufemia; impulsouse a apertura de camiños no rural. Rehabilitáronse as escolas de San Román e de Rúa, nesta última localidade construíuse a pista polideportiva a circunvalación que a une Rúa con San Román; construíuse o local social da Senra, o parque do Negrillo e a sala de exposicións das Carboeiras en Sargadelos; promoveuse a reparación e ensanche da estrada que une San Román con Sargadelos e dotouse de luminarias públicas a Figueirido e Daian… e así moitas actuacións máis das que sentirnos orgullosos, e isto só por centrarnos en Cervo, pero poderíamos facer unha enumeración similar doutras moitas obras na comarca e na provincia.

Na outra banda atopámonos con Lara Méndez: vicepresidenta da Deputación de Lugo. Desde que ostenta o cargo a administración provincial manexou entorno a 800 millóns de euros. E preguntámonos ¿Que beneficio obtivo o noso concello? Con rotundidade: ningún. Falamos dunha persoa á que reto non será capaz de poñer sobre a mesa obras equivalentes ao un por cento das actuacións descritas, porque nada fixo polo seu concello. Loxicamente os veciños non son cegos, e as obras están aí, por iso cando chega a hora da verdade o PSOE local nunca estivo tan afundido. Lara Méndez ten a dubidosa honra de pulverizar o solo electoral socialista perdendo centos e centos de votos e reducindo de 5 a 4 e de 4 a 3 o número de concelleiros. Nunca, nos últimos 25 anos, o PSOE a nivel local estivo tan baixo. Ante esta actitude destrutiva tomamos nota e os veciños tamén. Fronte a esta realidade, e non estou cautivo do pasado, senón todo o contrario, moi orgulloso do traballo feito.