Liderado portuario

Así o asegura o voceiro do Mar dos populares galegos logo de coñecerse que Mirasol, en Ribadeo, é peirao autonómico que move máis mercadorías e que Burela e Celeiro encabezan as descargas de peixe

BALSEIRO SINALA QUE O FORTE COMPROMISO DA XUNTA E A INICIATIVA DOS PROFESIONAIS FAN QUE A MARIÑA SE CONSOLIDE NO LIDERADO DO TRÁFICO PORTUARIO

PropB

 

  • Alenta á Xunta a seguir apoiando estas instalacións portuarias como motores de oportunidades económicas e de emprego

 

Santiago, 05 de setembro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, quixo facer unha valoración dos datos feitos públicos no día de onte polo Presidente de Portos de Galicia e que consolidan ás dársenas da Mariña no liderado do tráfico portuario.

Balseiro sinala que estas cifras positivas teñen dous puntos de apoio cuxa contribución foi esencial: o compromiso da Xunta de Galicia e a iniciativa dos profesionais que operan desde estas dársenas portuarias e seguen apostando por elas á hora de servir de punto de distribución das súas mercadorías e da comercialización do peixe.

MIRASOL, RIBADEO

No tocante ao porto de Mirasol, en Ribadeo, peirao autonómico que move máis mercadorías, o parlamentario popular lembra os inxentes esforzos realizados por Portos de Galicia para manter a actividade da papeleira ENCE, así como as múltiples obras e melloras que teñen executado nestas instalacións ata o punto de que, sumados os descontos tarifarios converten a Mirasol no porto comercial máis competitivo da zona galaico-asturiana

“Mirasol -lembra Balseiro- aglutinou o maior esforzo investidor da Xunta nas pasadas lexislaturas, do conxunto da comarca”

BURELA E CELEIRO

No tocante aos portos pesqueiros de Burela e Celeiro, Balseiro sinala como esencial e digna de total recoñecemento a iniciativa profesional privada que desenvolven as organizacións de armadores.

“A aposta dos profesionais do mundo do mar por situar a estas dúas instalacións no mapa pesqueiro europeo, ten tamén o seu reflexo na excelente calidade do peixe que se comercializa e polo que sitúan a Burela e Celeiro como marcas de identidade e confianza dos consumidores en toda España e incluso en Europa”

ALENTA Á XUNTA A RENOVAR COMPROMISO E ESFORZOS

 O popular alenta ao Goberno galego a manter o seu compromiso cos portos da comarca e a renovar e executar novos apoios, para consolidar unha tendencia que, sen lugar a dúbidas, contribúe a facer destas instalacións un motor económico comarcal e, en consecuencia, un ámbito de oportunidades de riqueza e de emprego.