OPINIÓN: Feliz aniversario!

 

 << Feliz aniversario! >>

 _JMN7161

 

 Cúmprese un ano desde a apertura da que foi a primeira residencia da provincia de Lugo, e a cuarta en Galicia, dirixida ao coidado das persoas con enfermidade mental, unhas instalacións que supuxeron un salto cualitativo na atención deste colectivo con necesidades especiais, así como un punto de apoio imprescindible para as súas familias

Fai 365 días tiven a honra de participar na inauguración deste centro, convidado pola Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, con quen veño colaborando todo este tempo, tras comprobar o admirable servizo que prestan, e a importancia de seguir dando resposta aos retos que cada día teñen que afrontar este tipo de colectivos e as súas familias.

O complexo residencial foi froito do esforzadísimo traballo dun grupo de persoas que, no seo desta asociación, teñen dedicado moitísimo tempo e moitos recursos para, desde a iniciativa social e en colaboración con apoios privados e o concurso de moitas administracións, ata tomar forma nunhas modernas instalacións cuns servizos deseñados, con gran profesionalidade, por aqueles que coñecen mellor que ninguén as súas demandas, inquedanzas e necesidades.

A Xunta de Galicia, como no podía ser doutro xeito, estivo presente. Un compromiso materializado a través do concerto de prazas co SERGAS, o de achegas específicas para levar adiante o novo centro. Só desde 2009 a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña contou con preto de 800.000 euros de axuda da Consellería de Traballo e Benestar, e paga a pena seguir presente.

Hoxe, aínda que por circunstancias persoais non puiden participar nos actos de celebración deste primeiro aniversario, si sinto a obriga de trasladar a miña felicitación e total recoñecemento aos seus impulsores, aos usuarios e ao colectivo de traballadores que teñen conseguido formar nese centro unha gran familia ao servizo dun obxectivo tan nobre, rompendo tabús e incomprensións, e achegando as terapias máis axeitadas.

No día do seu cumpreanos, hoxe máis que nunca, quero animarlles a seguir adiante, a seguir afrontando retos, amosando que non hai límites para quen, coa razón da súa man, busca dignificar a atención que deben recibir os enfermos mentais, erradicar a estigmatización social desta enfermidade e promover a súa rehabilitación comunitaria e laboral. Agora e sempre saben que poden contar comigo. Tamén, seguro, co resto das veciñas e veciños dunha comarca, A Mariña lucense, que recoñece, admira e apoia, e así o demostrou, iniciativas como as que fai un ano deron o seu froito na nova residencia de Cervo. A todos ese gran equipo: Moitas Felicidades!