Avanza o proxecto de ampliación do Hospital da Costa

Trátase do respaldo económico suficiente para proseguir coa folla de ruta establecida polo Goberno galego no ano próximo: licitar e adxudicar o plan director e dar inicio á primeira fase das obras, indican Balseiro e Martínez-Sierra

OS DEPUTADOS POPULARES DA MARIÑA CONFIRMAN QUE OS ORZAMENTOS DA XUNTA EN 2015 INCORPORAN UNHA PARTIDA DE 1 MILLÓN DE EUROS PARA A AMPLIACIÓN DO HOSPITAL DA COSTA

 O hospital desde o parque

  • Sinalan que este importantísimo apoio reflicte o compromiso adquirido polo Presidente da Xunta, a conselleira de Sanidade e os alcaldes e portavoces do PP da Mariña que sempre creron e apostaron por impulsar este importantísimo proxecto

 

 

A Mariña, 17 de outubro de 2014.- Os deputados autonómicos do Grupo Popular na Mariña, Jose Manuel Balseiro Orol e Vidal Martínez Sierra, confirmaron hoxe que os orzamentos da Xunta para o ano próximo –que entrarán para o seu debate no Parlamento a vindeira semana– incorporan unha partida por importe de 1 millón de euros para a ampliación do Hospital da Costa.

Este importantísimo apoio reflicte o compromiso adquirido polo Presidente da Xunta, pola conselleira de Sanidade e polos deputados, alcaldes e portavoces do PP da comarca, que, segundo lembran, sempre creron e apostaron por impulsar este proxecto tan ambicioso e tan importante para o futuro da Mariña e para a mellora dos servizos sanitarios.

FOLLA DE RUTA PARA A AMPLIACIÓN DO HOSPITAL

“Falamos dun millón de euros, que é unha partida suficiente para acometer a folla de ruta que temos por diante: No ano 2015 hai que realizar a licitación e adxudicación do proxecto de construción, que se está redactando neste momento, e iniciar as obras na súa primeira primeira fase”

 A propia conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na súa recente visita ao Hospital para presentar o esbozo dos traballos a acometer, explicou que a ampliación se executará en 4 fases, a primeira delas, que inclúe a construción do novo parking e do edificio anexo, é a que incorpora as obras que poderemos ver iniciadas en 2015.

GRAN SATISFACCIÓN

 Os parlamentarios populares da Mariña sinalaron que, como veciños da comarca, dan conta desta boa nova con gran satisfacción persoal e política, na confianza de que este ambicioso proxecto de ampliación ten xa o respaldo técnico e económico necesario para iniciar o seu camiño, para comezar a andar.

Como conclusión, sinalan que a aposta do Goberno galego co Hospital da Costa foi firme ao longo destas lexislaturas populares, lonxe dos argumentos que outros defenderon, como amosan os máis de 2,2 millóns de euros investidos nos últimos cinco anos en distintas obras e dotacións de nova tecnoloxía, como amosa o impulso da revisión do Plan funcional ou a elaboración do novo Plan director do centro (licitado e adxudicado) e, en 2015, como reflicte a achega dun importante investimento para iniciar as obras.