Mar

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, reitera que a Xunta remitiu fai meses a Bruxelas as alegacións en defensa da flota do xeito, como demostra o feito de que teñen requirido información adicional

O GRUPO POPULAR DENUNCIA O CINISMO E A HIPOCRESÍA DOS PARTIDOS DA OPOSICIÓN QUE TEÑEN UN DISCURSO EN GALICIA E OUTRO DISTINTO EN EUROPA

 PESCA EUROPA

  • Esixe a Vence (BNG) que explique aos mariñeiros por que a súa eurodeputada a tempo parcial se integra nos Verdes Europeos que promoven este tipo de iniciativas de prohibición e recortes nas cotas de pesca
  • Insisten en que AGE formula unha proposta enganosa a sabendas de que a pesca de sardiña en augas interiores non pode quedar exenta da aplicación da normativa comunitaria

Santiago, 22 de outubro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, denunciou hoxe o cinismo e a hipocrisía dos partidos da oposición que manteñen un discurso en Galicia e outro ben distinto en Europa. Sinalan tamén que PSOE, BNG e AGE parecen descubrir agora a problemática que afecta á flota do xeito cando desde a Xunta de Galicia levan meses traballando na procura dunha solución.

 O BNG, COS ENEMIGOS DA PESCA

Balseiro foi moi crítico co portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a quen lle esixiu que dea explicacións, antes de levar aos mariñeiros galegos a Bruxelas, dos motivos polos que a eurodeputada nacionalista a tempo parcial, Ana Miranda, decidiu integrarse no Grupo Parlamentario dos Verdes Europeos que son precisamente, como tamén os seus socios electorais de Bildu, os que promoven este tipo de iniciativas de prohibición e recortes nas cotas de pesca.

Balseiro rexeita tamén que alguén que está nunha posición tan relevante como a denominada portavocía nacional do BNG debera saber –ou no seu caso alguén tería que explicárllelo– que a proposta que realizan os nacionalistas e pola que a Xunta debe optar por manter o uso da arte do xeito en augas interiores, é manifestamente ilegal, xa que unha norma autonómica non pode ser en ningún caso máis flexible que a normativa europea que o prohibe.

Amais, o voceiro popular apuntou que “o BNG vén de descubrir o Novo Mundo” cando apunta a que a súa suposta eurodeputada puxo esta problemática en coñecemento do presidente da Comisión de Pesca do PE e da ponente do informe sobre esta proposta na semana pasada, cando consta que hai xa semanas que os eurodeputados populares o fixeron, mesmo facéndollo saber ao novo comisario de Pesca, Karmenu Vella.

ENGANO MASIVO DE AGE

Neste mesmo sentido desde o Grupo Popular acusaron a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) de perpetrar un engano masivo ao sector do xeito, cando dan por seguro que podería non computarse a pesca da sardiña nas nosas rías e excluírse as capturas da flota do xeito do peche xeral decretado para esta pesqueiría.

Balseiro sinala que o acordo sobre a xestión da sardiña entre España e Portugal tomará forma de regulamento europeo, por aplicación do principio de rexionalización establecido na nova Política Pesqueira Común, polo que en ningún momento poden quedar excluídas da súa aplicación as augas interiores de Galicia.

Os populares din tamén que autorizar unilateralmente desde Galicia a captura de sardiña por parte da flota do xeito, podería supor inmediatas sancións por sobrepesca, polo que o Grupo Popular non pode nin apoiar nin optar por unha medida que supón pan para hoxe e fame para mañá e abocaría a un camiño sen saída.

O PSOE, AUSENTE

Finalmente o voceiro do Mar dos populares galegos lembrou que o PSOE en Europa non está á altura do que se lle espera, tendo en conta que a ponente da proposta de regulamento comunitario para a prohibición da pesca con redes de deriva a unha eurodeputada socialista italiana, quen sinalou nunha Comisión de Pesca do Parlamento Europeo o seu descoñecemento da situación.

 Esta non é a primeira vez que se amosa o despiste e desinterese do PSOE en Bruxelas, lembra Balseiro, xa foi evidente cando cualificaba de alarmista as iniciativas do PP e da Xunta pare evitar a prohibición de pesca en augas profundas a pesar de que, de terse aprobado nos estremos previstos inicialmente, afectaría a máis de 3.000 galegos e ao 60% das descargas de peixe nos portos da nosa comunidade.

 A XUNTA FIXO AS SÚAS ALEGACIÓNS FAI MESES

Balseiro rematou reiterando que fronte a esta pasividade das forzas da oposición, a Xunta si mandou a Bruxelas as alegacións e a documentación necesaria en apoio das demandas da flota do xeito, no momento decisorio oportuno, isto é, cando a Delegación española foi consultada. Este feito queda demostrado cando, desde as propias institucións comunitarias, se demandou nova información adicional á Xunta, algo que non tería acontecido se non existise un envío previo de alegacións.

O voceiro popular tamén aclara que desde o Goberno galego veñen traballando durante meses na defensa dos intereses da flota do xeito, e non acaban de decatarse desta situación, como acontece cos grupos da oposición que agora tanto critican. De feito así o proban as peticións formuladas ante o MAGRAMA ou os acordos acadados no seo do Consello Galego de Pesca en relación co peche da pesca da sardiña.