Pleno 29/10 b

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, asegurou que a Xunta sempre estará do lado das demandas dos profesionais do xeito e repasou as distintas xestións promovidas polo Goberno galego para evitar que Europa prohiba o uso destas redes

O GRUPO POPULAR CUALIFICA DE “ENGANO MASIVO” A INICIATIVA DE AGE SOBRE A FLOTA DO XEITO E PIDE QUE A OPOSICIÓN APOIE AS INICIATIVAS IMPULSADAS POR XUNTA E FEDERACIÓN GALEGA DE CONFRARÍAS

 Tribuna

  • Se Galicia incumpre a lexislación comunitaria e unilateralmente permite a pesca da sardiña en augas interiores incorrería nunha situación ilegal que implicaría sancións por sobrepesca
  • Os populares fan un chamamento ao consenso e demandan unha fronte política común en defensa dos intereses de Galicia en Europa

 

Santiago, 29 de outubro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, cualificou hoxe de “engano masivo” a iniciativa plenaria formulada por Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) sobre a flota do xeito. O parlamentario explicou que “autorizar unilateralmente a pesca de sardiña en augas interiores sería ilegal e implicaría duras sancións por sobrepesca que afogarían aínda máis o futuro destes profesionais”.

“Se Galicia incumpre a lexislación comunitaria e unilateralmente permite ao xeito pescar nas nosas rías, entonces expoñémonos a que se nos sancione por sobrepesca, tal e como aconteceu coa xarda, e que ao final o paguen os profesionais”, explicou Balseiro, quen reafirmou que o Partido Popular non está por aceptar esta “proposta trampa de AGE que abocaría a un camiño sen saída e que suporía pan para hoxe e fame para mañá”.

 O deputado popular insistiu en que a iniciativa de AGE pretende “confundir” aos mariñeiros e aproveitarse politicamente deles, e insistiu na trampa desta forza política que mestura a competencia da Xunta en augas interiores co feito de que esta permita ao Goberno non aplicar as normas comunitarias.

 “O plan de xestión da sardiña entre España e Portugal terá que ter a consideración de regulamento europeo, aplicando o principio de rexionalización da nova PCP. Non hai sentenza ou artigo que permita que as normas europeas podan deixar de aplicarse nas augas interiores dos países membros. O cumprimento das normas comunitarias non ten excepción, en función da titularidade das augas”, volveu a insistir Balseiro

 CHAMAMENTO AO CONSENSO

Con todo, o voceiro do Mar dos populares galegos quixo deixar claro que a Xunta sempre estará do lado das demandas dos profesionais do xeito e, nese sentido, repasou as distintas xestións promovidas polo Goberno galego desde fai máis de cinco meses, tanto ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente como ante as institucións comunitarias.

Balseiro explicou que a Xunta formulou estas alegacións e presentou diversa documentación cun dobre obxectivo: que non se aplique á flota do xeito unha norma inxusta coa que Europa propón prohibir a súa actividade e, máis recentemente tamén, lograr que estes profesionais poidan volver a pescar sardiña, e facelo con garantías.

Finalmente, o parlamentario popular fixo un chamamento aos partidos da oposición para que apoien as iniciativas impulsadas pola Xunta e pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores. Así, insistiu na importancia de formar unha fronte política común en defensa dos intereses de Galicia en Europa, en concreto dos da flota do xeito, e lembrou que ata o de agora todas as iniciativas formuladas con rigor pola oposición en apoio deste sector contaron co respaldo unánime de todos os partidos, incluído o voto decisivo do Grupo Popular.