Pleno 29/10

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, explica que o plan destacará tres aspectos básicos deste produto: a súa máxima calidade, o seu prestixio gastronómico e nutricional e as súas totais garantías de salubridade

O PARLAMENTO APROBA A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR PARA IMPULSAR UNHA CAMPAÑA DE PROMOCIÓN E POSTA EN VALOR DO MEXILLÓN DE GALICIA 

mejillon

  • A iniciativa permitirá contrarrestar tamén as consecuencias que para o sector puideron supoñer a sucesión das mareas vermellas dos últimos meses
  •  Os populares sempre defenden a diferenciación do mexillón galego e, no tocante á normativa de etiquetaxe, demandan un acordo entre produtores e toda a cadea de transformación

 

Santiago, 29 de outubro de 2014.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, cos votos do Grupo Popular, unha proposición non de lei na que se insta á Xunta á posta en marcha dunha campaña de promoción e posta en valor do mexillón de Galicia. O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, explicou que esta iniciativa contribuirá a reforzar a imaxe do mexillón galego ante os seus potenciais consumidores. Farase destacando tres aspectos claves neste produto: a súa máxima calidade, o seu prestixio gastronómico e nutricional e as súas totais garantías de salubridade.

CONTRARRESTAR MAREAS VERMELLAS

A campaña de promoción servirá tamén, segundo indicou o voceiro popular, para contrarrestar as consecuencias que, para o sector, puideron supoñer a sucesión das mareas vermellas dos últimos meses. O parlamentario lembrou a importancia de apoiar ao mexillón galego e sinalou que só nosa Comunidade existen unhas 3.300 bateas distribuídas ao longo das diferentes rías que, sumadas a outros métodos de produción, xeran entorno a 8.500 empregos directos e 7.000 indirectos.

DOP E ETIQUETAXE

En relación coas intervencións dos partidos da oposición centradas, nun primeiro punto, na necesidade de impulsar a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, os populares lembraron que a propia Xunta xa ten en marcha unha campaña específica de promoción deste produto baixo o título “Namórate dun galego” e indicaron que a que hoxe propoñen é moito máis ampla que a descrita e non convencional, ao introducir novos aspectos como as garantías sanitarias.

Por outra banda, en relación co cambio da normativa europea sobre etiquetaxe, desde o Grupo Popular avogaron porque as iniciativas a adoptar sexan froito dunha consulta previa e dun acordo entre todos os sectores con responsabilidade no ámbito do mexillón: produtores, a conserva, o conxelado e os cocedoiros. Aclararon tamén que, co regulamento europeo na man, nada impide etiquetar como galego o que é galego, de feito estase poñendo o distintivo da denominación de orixe nas latas, e instaron a reforzar as iniciativas dirixidas a denunciar e perseguir legalmente a quen pon galego sen selo.

Balseiro di que Xunta e Partido Popular sempre defenderán a diferenciación dos produtos galegos durante o seu proceso de transformación e comercialización e explicou que o sector bateeiro foi o principal beneficiario das axudas á acuicultura do fondo europeo da pesca tras recibir máis de 18,7 millóns de euros no período 2009-2013 para impulsar a súa produción e comercialización.