Previsión de posta en servizo

Así o adiantan os deputados populares, Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez Sierra tras manter un encontro coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, quen lles confirmou as previsións para a posta en marcha deste novo servizo

PACIENTES CON CANCRO RECIBIRÁN QUIMIOTERAPIA NO HOSPITAL DA COSTA ANTES DE FINAIS DE ANO

 burela_02

  • Sanidade ultima a organización desta nova prestación pública sanitaria en coincidencia co inminente remate das obras da nova sala de tratamentos oncolóxicos no centro hospitalario da Mariña
  • A medida porá fin ao desprazamento de entorno a 80-100 veciños da comarca que cada ano son diagnosticados desta enfermidade e precisan desprazarse aos hospitais de Lugo ou da Coruña

 

 

Santiago, 29 de outubro de 2014.- Pacientes enfermos de cancro poderán recibir os seus tratamentos de quimioterapia no Hospital da Costa, en Burela, antes de que finalice este ano, segundo adiantaron hoxe os deputados populares, Jose Manuel Balseiro Orol e Vidal Martínez-Sierra.

Os parlamentarios mariñáns fan este anuncio logo de manter esta mañá un encontro coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, quen lles confirmou as previsións para a posta en marcha deste novo servizo.

O Goberno galego ultima os medios técnicos e humanos necesarios para a máis axeitada organización desta nova prestación pública sanitaria, en coincidencia co inminente remate das obras de creación e adaptación da nova sala de tratamentos oncolóxicos, que se emprazará nun espazo contiguo á area de rehabilitación do centro hospitalario da Mariña.

 CUMPRIMENTO DO MANDATO PARLAMENTARIO

Balseiro e Vidal Martínez-Sierra puxeron en valor que coa creación deste hospital de día oncolóxico, o Goberno galego dá cumprimento ao mandato promovido a iniciativa do Grupo Popular e aprobado no Parlamento de Galicia o pasado mes de abril, daquela sen o voto favorable de PSOE e AGE.

Os populares lideraron unha ofensiva política e parlamentaria que incluíu tamén o debate e aprobación desta demanda nos plenos municipais dos distintos concellos da Mariña. O obxectivo era testemuñar o apoio de toda unha comarca á posta en marcha deste novo servizo dirixido un mellor tratamento dos pacientes de cancro

 EVITAR DESPRAZAMENTOS

De feito, que os enfermos de cancro poidan recibir o tratamento de quimioterapia no Hospital da Costa será unha medida moi positiva para un importante número de familias da Mariña lucense e evitará incómodos desprazamentos, ofrecendo mellores condicións de confort e unha atención sanitaria completa, e con totais garantías, máis preto das súas familias e domicilios.

Balseiro e Martínez-Sierra lembraron que, segundo os cálculos oficiais, entorno a 80-100 veciños da comarca, cada ano, son diagnosticados de cancro e ata o momento, teñen que recibir os seus tratamentos lonxe dos seus domicilios en hospitais radicados nas cidades de Lugo ou da Coruña

NOVO REFORZO NA CARTEIRA DE SERVIZOS

A posta en marcha da nova sala que quimioterapia servirá tamén para ampliar e reforzar a carteira de servizos sanitarios públicos que presta o Hospital da Costa, unha máis, tras a apertura meses atrás da nova unidade de atención domiciliaria, ou da unidade fixa para a detección precoz do cancro de mama, entre outras.