Orzamentos da Deputación de Lugo 2015

Jose Manuel Balseiro di que os lucenses son moi críticos co bipartito en materias como as políticas de emprego, a transparencia, a xestión económica ou a obsesión de Besteiro por priorizar o partido sobre as súas responsabilidades na institución da que recibe o seu soldo

O GRUPO POPULAR SUSPENDE Á XESTIÓN DE BESTEIRO NA DEPUTACIÓN DE LUGO E CUALIFICA DE FUME OS ORZAMENTOS PROVINCIAS PARA 2015

 Sin título

  • Denuncian que Besteiro estivo ausente en máis da metade das Xuntas de goberno da Deputación, en concreto en 23 das últimas 44 que se celebraron
  • Esixe que cumpra as peticións do Valedor do Pobo que censura que a Deputación oculte o concepto das facturas que abona para impedir a labor de fiscalización e control da oposición
  • PSOE e BNG multiplicaron case por catro o endebedamento da Deputación por cada lucense, e en 2013 acumulaba 52 millóns de euros en obrigas pendentes de pago
  • Cando non financian un plan de emprego discriminatorio que excluía a 55 dos 67 concellos da provincia ofrecen actividades formativas con títulos sen homologar

  

Santiago, 04 de novembro de 2014.- O deputado do Grupo Popular e Secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro, deu un sonoro suspenso ao Goberno bipartito da Deputación de Lugo e ao seu Presidente, Jose Ramón Gómez Besteiro, en materias tales como as políticas de emprego, a transparencia, a xestión económica ou a obsesión do propio Besteiro por dar prioridade ao partido sobre as súas responsabilidades na institución da que percibe o seu soldo.

Jose Manuel Balseiro dixo que “son tamén os veciños da provincia os que non dan o aprobado ao bipartito”, tal e como amosaron os moi malos resultados de PSOE e BNG nos últimos procesos electorais e sinalou que unha gran parte deste descontento xurde porque “non se está aproveitando a Deputación para apoiar aos concellos ou impulsar políticas que redunden no progreso da provincia”.

De feito, Balseiro indicou que, unha vez máis os orzamentos da Deputación de Lugo -cuxas liñas mestras foron presentadas esta tarde ante a Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia- volven a ser “pouco máis que fume, o bipartito non executa gran parte do seu contido”

Balseiro asegurou que a posta en marcha duns orzamentos participativos valeulle a Besteiro “para gañar un titular e realizar promesas que non cumpre”, e neste senso denunciou que “aínda non aclararon se as contas incorporarán gran parte das demandas formuladas polos colectivos sociais da provincia, pero si sabemos que desprezan e impiden a participación dos alcaldes”, que non puideron achegar distintas propostas

PRESIDENTE AUSENTE

Por outra banda, os populares non dubidaron en cualificar a Besteiro de “presidente ausente” tras revelar que non asistiu a 23 das últimas 44 Xuntas de Goberno celebradas e preguntáronse que estarían dicindo os socialistas se Feijóo non asistise á máis da metade dos Consellos da Xunta. Indicou tamén que das últimas 98 convocatorias de prensa, 53 correspondían a actos de Besteiro como secretario xeral do PSdeG e só 45 como presidente da Deputación.

SUSPENSO EN XESTIÓN ECONÓMICA

Os datos económicos tampouco avalan a xestión de Besteiro tal e como amosa o contido das Contas Xerais da Deputación, que son o documento oficial que certifica sen manipulación posible a liquidación dos orzamentos. Nese senso Balseiro lembrou que o bipartito “multiplicou case por catro” o endebedamento por cada lucense, ata os 114,80 euros. No 2013, último exercicio liquidado, a Deputación acumulaba 52,1 millóns de euros en obrigacións pendentes de pago”

SUSPENSO EN TRANSPARENCIA

Balseiro tamén aproveitou a prenseza de Besteiro no Parlamento para esixirlle que cumpra as recomendacións formuladas polo Valedor do Pobo, alto comisionado da Cámara galega, nas que censuraba que a Deputación decidira ocultar o concepto das facturas que abona para impedir a labor de fiscalización e control da oposición.

O deputado popular lembrou que o bipartito cambiou o criterio que viña empregando e pasou a encriptar as facturas que aproba para impedir que podan volverse a dar casos tan escandalosos como cando o PP denunciou que a Deputación invitou a comer a 300 sindicalistas dun sindicato próximo ao PSOE.

Balseiro dixo tamén que Besteiro non pode presumir de transparencia cando evita responder preguntas, non responde no prazo marcado pola lei ou limita o acceso aos expedientes solicitados pola oposición. “De 218 solicitudes formuladas polo PP hoxe teñen pendentes de resolver case a metade”.

SUPENSO EN MATERIA DE EMPREGO

Outra das áreas nas que os populares suspenden ao bipartito provincial é a relativa ás políticas de emprego. Balseiro lembrou que cando o bipartito non se dedica a financiar, como aconteceu este ano, un plan de emprego discriminatorio que excluía a 55 dos 67 concellos da provincia, decide ofrecer actividades formativas con títulos sen homologar e que, por iso, non dan dereito a obter o correspondente certificado de profesionalidade.