Orzamentos da Xunta 2015

A postura do voceiro socialista de Ordenación do Territorio provoca unha moción de protesta dos populares nos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, O Vicedo, Ourol e Burela, futuros beneficiarios desta nova vía

O PP pedirá que os Plenos municipais de seis concellos da Mariña reproben as palabras do socialista Bugallo contrario a gastar na obra do corredor Celeiro-San Ciprián

 Corredor

  • A idea dos populares é que os respectivos concellos insten á Xunta a que desoiga as propostas do PSOE para priorizar o corredor do Morrazo fronte ao remate dos treitos lucenses

 

A Mariña, 18 de novembro de 2014.- O Partido Popular levará aos plenos municipais dos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, O Vicedo, Ourol e Burela, unha moción para reprobar as afirmacións efectuadas polo voceiro socialista do Territorio, Xose Sánchez Bugallom contrario a que a Xunta invista na obra do corredor entre Celeiro e San Ciprián.

Os populares lembran que no último debate en Comisión sobre os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o parlamentario socialista considerou “chamativa” a alta inversión que a Xunta destinará a obras nos corredores da provincia de Lugo, tanto na zona sur (corredor Sarria-Monforte), como na zona norte (corredor Celerio-San Ciprián)

Por si isto fora pouco o deputado socialista evidencia non compartir, nin entender que a Xunta aposte por rematar os corredores lucenses e non o do Morrazo, en Pontevedra, para quen esixiu máis atención, priorizando alí os investimentos da Xunta.

Os populares pedirán que estas seis Corporacións aproben un acordo de apoio inequívoco aos investimentos previstos pola Xunta de Galicia, nos orzamentos de 2015, para o remate das obras neste tramo do corredor, e incluirán un segundo punto, reprobando as manifestacións efectuadas polo socialista Sánchez Bugallo

A idea dos populares é que os respectivos concellos insten á Xunta a que desoia as propostas do PSOE para priorizar o corredor do Morrazo fronte ao remate do corredor Celeiro – San Ciprían e do corredor entre Sarria e Monforte.

“O PSOE na Mariña critica os investimentos da Xunta por insuficientes, mentres no Parlamento os seus compañeiros cuestionan o elevado gasto que a Xunta achega para o noso corredor (case 10 millóns de euros) porque a xuízo do PSOE debería ir a outras zonas de Galicia. Non hai quen lles entenda”- conclúen desde o PP.