Comisión Pesca do Parlamento 28/11

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro lembra que a administración autonómica ten investido, ata o de agora, 12 millóns de euros na nova dársena de Cabo de Cruz (Boiro)

O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE PORTOS, EN CONSENSO CO SECTOR, EXECUTARÁ POR FASES AS OBRAS PENDENTES EN CABO DE CRUZ PRIORIZANDO A INSTALACIÓN DE PANTALÁNS DA TERCEIRA LISTA

 cabo%20de%20cruz1

  • A Xunta destinará a esta nova actuación arredor de 700.000 euros o vindeiro ano, con cargo aos recursos procedentes do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro (FEMP)

 

  • Os populares lembran ao BNG que a obra dos pantaláns deportivos foi financiada integramente pola iniciativa privada sen achega algunha da Xunta

Santiago, 28 de novembro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu na Comisión de Pesca do Parlamento galego a decisión de Portos de Galicia de optar, en consenso co sector, pola execución por fases das obras pendentes nas instalacións portuarias de Cabo de Cruz, dando prioridade á instalación dos pantaláns de terceira lista, un actuación que contará cun orzamento de arredor de 700.000 euros no vindeiro ano, unha vez se distribúa os recursos do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro.

Balseiro lembrou que o Goberno galego xa fixo un investimento importante nestas instalacións portuarias, para mellorar as súas capacidades e abrigo, e cubrir as necesidades portuarias actuais e futuras, ata o punto de que xa ten investido, 12 millóns de euros na nova dársena de Cabo de Cruz.

O voceiro popular insistiu en que Portos de Galicia cumprirá os seus compromisos cos profesionais cos usuarios destas instalacións, aínda que, como é lóxico, o fará cinguíndose as dispoñibilidades orzamentarias actuais, como xa advertiu o presidente do ente público na súa visita a Cabo de Cruz en agosto de 2011.

O voceiro popular lembrou que o cronograma previsto inicialmente, en tempos de bonanza, tivo que adaptarse ao actual contexto económico, sen renunciar a executa por fases un investimento pendente que se achega ata os 8 millóns de euros.

 EXPLICACIÓN E CONSENSO CO SECTOR

Balserio lembrou que esta situación foi explicada con total transparencia ao sector profesional por parte dos responsables de Portos de Galicia. En concreto, o pasado día 5 deste mesmo mes de novembro, o presidente de Portos de Galicia mantivo unha reunión coa directiva da Confraría de Pescadores e os representantes das asociacións de mexilloeiros de Cabo de Cruz onde deu conta da situación e propuxo as distintas alternativas posibles.

Os populares rexeitaron a iniciativa do BNG formulada na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento, porque no responde ao acordo consensuado co sector que, segundo lembran, pasa por priorizar a dotación de pantaláns para a terceira lista, xa que resultan de maior urxencia para os profesionais e de maior viabilidade económica para a Administración

Así mesmo, Balseiro aclara que o Goberno galego comprometeu outras melloras demandadas polo sector como a dotación de máis alumeado no porto, aneis para amarre e ampliación da zona de descarga. O voceiro do Mar salientou que o sector profesional mostrou neste encontro a súa conformidade e apoio a esta proposta polo que Portos de Galicia manterá esta liña de traballo consensuada.

Por outra banda, o voceiro popular replicou ao BNG que en ningún momento o ente público deu prioridade á instalación de pantaláns para a náutica recreativa fronte aos profesionais. Non en van, a obra dos pantaláns deportivos foi financiada integramente pola iniciativa privada sen achega algunha da Xunta. Balseiro lembra que esta liña de actuación é a que se mantén para o todo o sistema portuario autonómico no que, nun contexto económico como o actual, os fondos públicos estanse a resgardar para o sector profesional.