Obras nos portos

O voceiro do Mar dos populares galegos quere que portos de Galicia faga unha avaliación das distintas accións e obras desenvolvidas pola administración autonómica para recuperar a normalidade e restablecer os servizos que as instalacións portuarias prestan aos profesionais do mar

BALSEIRO INTERÉSASE NO PARLAMENTO POLO PLAN DE REPARACIÓN E MELLORA DAS INSTALACIÓNS PORTUARIAS DANADAS POLOS TEMPORAIS

 la foto

  • Pregunta tamén en clave de futuro sobre as previsións que ten en marcha o ente público autonómico para actuar en caso de novos episodios climatolóxicos adversos e a súa posible afectación nas infraestruturas portuarias

 

  • O deputado lembra que existe un acordo parlamentario unánime que, en febreiro do ano pasado, instaba á Xunta a habilitar os recursos necesarios para a reconstrución e reparación das máis de 122 instalacións portuarias de competencia autonómica e quere coñecer o seu grado de cumprimento

 

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, vén de interesarse a través dunha pregunta que formulará na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia prevista para mañá, martes 23 de decembro, polo plan de reparación e mellora das instalacións portuarias galegas danadas polos temporais que aconteceron durante o 2014, en especial, os primeiros meses do ano.

Como é lóxico o papel máis destacado na posta en marcha deste plan de recuperación e consolidación das infraestruturas costeiras correspondeu ao ente público Portos de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, que veu desenvolvendo un gran esforzo técnico e orzamentario nestas tarefas.

Balseiro explicou que ao longo dos seus 1.720 quilómetros de costa, a nosa Comunidade conta con 128 portos. Deles, a Xunta de Galicia, xestiona directamente 122 instalacións portuarias. Todas elas sufriron algún tipo de afectación como consecuencia destas intensas marusías do pasado inverno.

ACORDO PARLAMENTARIO

O deputado lembra que existe un acordo parlamentario unánime que, en febreiro do ano pasado, instaba á Xunta a habilitar os recursos necesarios para a reconstrución e reparación das máis de 122 instalacións portuarias de competencia autonómica e quere coñecer o seu grado de cumprimento.

Balseiro quere realizar unha avaliación dos traballos desenvolvidos e saber cales foron as medidas que levou adiante Portos de Galicia para dar cumprimento ao devandito acordo, en que consistiron as obras, cales foron os puntos nos que se acometeron e o investimento achegado nestas iniciativas de reparación e consolidación.

O voceiro popular do Mar tamén pregunta pola valoración de Portos de Galicia en relación co desenvolvemento deste plan de actuacións e, pensando xa en clave de futuro, quixo interesarse polas previsións que ten en marcha o ente público autonómico para actuar en caso de novos episodios climatolóxicos adversos e a súa posible afectación nas infraestruturas portuarias.

Aínda que Portos de Galicia desenvolveu gran parte das reparacións de urxencia tras producirse os danos, un importante número de obras veu desenvolvéndose nos pasados meses, aproveitando as mellores condicións climatolóxicas e o remate dos proxectos elaborados polos técnicos para reforzar estas instalacións.

No caso concreto da Mariña lucense, gran parte das actuacións tiveron lugar en instalacións portuarias como as de Celeiro, Burela, Foz, San Ciprián e Ribadeo, ademais do Vicedo, onde se concentraron os danos, en especial nos seus espigóns.

 

Enlace á iniciativa: http://ow.ly/GgPxa