Máis empresas, máis emprego

A Xunta abarata un 50% o prezo das parcelas de Xestur en Lugo para favorecer a adquisición de solo industrial

RCX

 

  • Trátase da primeira fase do programa dedicado a facilitar o acceso a ata 2 millóns de metros cadrados solo industrial que está incluído na Axenda de Competitividade Industrial Galega
  • Tras a promoción do solo propiedade de Xestur, o vindeiro mes de marzo activarase a segunda fase coa oferta das parcelas do Instituto Galego de Vivenda e Solo
  • Serán obxecto de licitación as parcelas de solo empresarial propiedade de Xestur, sobre as que non haxa ningún compromiso de venda ou opción de compra, ou outras cargas que impidan o seu alleamento, e que estean suficientemente definidas dende o punto de vista urbanístico e rexistral
  • O concurso será convocado o vindeiro dia 12 de xaneiro e o prazo para presentar solicitudes será de un mes

 

O Consello da Xunta deulle hoxe luz verde ao concurso público que ofrecerá medio millón de metros cadrados de solo industrial propiedade de Xestur con rebaixas de ata o 50 por cento. Esta é a primeira fase do programa de mobilización de ata 2 millóns de metros cadrados de solo industrial incluído na Axenda da Competitividade Industrial Galega (Galicia-Industria 4.0), aprobada polo Consello da Xunta o pasado 27 de novembro, e que ten por obxecto incrementar o peso da industria galega no PIB.

O concurso será convocado o vindeiro dia 12 de xaneiro e o prazo para presentar solicitudes será de un mes. Unha vez resolto, as parcelas que non foron adxudicadas por falta de licitadores poderán ser adxudicadas polo mesmo prezo que rexeu no concurso a quen a solicite mediante adxudicación directa

Este programa contempla rebaixas de ata o 50% para aqueles parques empresariais situados nas Zonas Impulsa -Ourense, Ferrolterra, Lugo e Costa da Morte-, así como

para os concellos fronteirizos con Portugal. Ademais, establécese unha rebaixa do 30% no resto de parques, salvo os das áreas urbanas, que contarán cun desconto do 15% -Mos, Ponte Caldelas, Santiago e A Coruña.

Esta medida está acompañada de axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) para as empresas -entre as que se atopan os préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional- mantivéronse diversos contactos co IGAPE, estando na actualidade traballando na a sinatura dun acordo entre o IGAPE, Xestur e IGVS, a fin de coordinar as respectivas políticas de fomento da actividade económica no solo..

 A implantación desta medida realizarase en dúas fases; unha primeira fase cos solos pertencentes a Xestur S.A. e, posteriormente, no vindeiro mes de marzo de 2015, cos solos do IGVS. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, solicitou a Xestur, S.A., na súa condición de ente instrumental da Xunta de Galicia que ten dentro do seu obxecto social a promoción e xestión do solo empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma, que adopte os acordos oportunos para aplicar estes descontos no prezo do solo empresarial. De conformidade co antes referido, e logo dos oportunos informes e análises dos aspectos económicos, financeiros e xurídicos desta medida, o dia 16 de decembro de 2014 a Xunta Xeral de Xestur S.A. aprobou a aplicación dos seguintes descontos segundo os parques en que se ubican as parcelas:

 Rebaixa do 50% sobre o prezo actual:

Parques de Xinzo de Limia, Pereiro de Aguiar, Central de Transportes, Vilamarín, Ponteceso, Pontedeume, Ortigueira, Cedeira, Carballo, Barreiros, O Corgo, Cervo, Foz, As Gándaras, Guitiriz, Muimenta, Vilalba, Viveiro, Arbo.

 Rebaixa do 30% sobre o prezo actual:

Parques de Arzúa, Melide, Ordes, Boiro, Sigüeiro, Santa Comba, Negreira, Silleda, Lalín.

Rebaixa do 15% sobre o prezo actual:

Parques de A Sionlla, Reigosa, Mos, na totalidade da superficie dos mencionados parques, Morás (375.497 m2).

A superficie total aproximada con prezos bonificados obxecto deste concurso é de 2 millóns de metros cadrados, sendo esta primeira fase de 500.000 euros.

Obxecto de licitación

 En principio, serán obxecto de licitación as parcelas de solo empresarial propiedade de Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A., sobre as que non haxa ningún compromiso de

venda ou opción de compra, ou outras cargas que impidan o seu alleamento, e que estean suficientemente definidas dende o punto de vista urbanístico e rexistral. A venda das parcelas antes referidas, ten o carácter de venda con publicidade, aberta e incondicional, que se adxudicará ao mellor postor ou oferta máis vantaxosa, de conformidade co previsto nos criterios de preferencia incluídos nas bases do concurso. Poderá solicitarse a compra de parcelas tal como están configuradas no parcelario correspondente, ou ben parcelas cunha superficie e configuración diferente, que puideran resultar, no seu caso, da segregación das parcelas previstas.

Os criterios de adxudicación poderán consultarse nos pregos de bases desta convocatoria.

 Ademais de outras de menor importancia, o adquirente obrigase a concluír a edificación proxectada na parcela adquirida e a obter a habilitación correspondente para a primeira actividade no prazo de 3 anos, a contar dende a data de formalización da compravenda.