Axudas a apicultores

Sensibilizada co sector, cos seus retos e problemas a Consellería do Medio Rural e do Mar pon en marcha un ano máis estas liñas de colaboración co sector

Balseiro empraza aos produtores de mel a acollerse ás axudas da Xunta para a mellora da produción e comercialización apícola

 Balseiro

  • Entre as actuacións obxecto de subvención está a contratación de especialistas, a través das organización apícolas, para a asistencia técnica, información e apoio en actuacións de vixilancia e control da vespa velutina

Lugo, 13 de xaneiro de 2014.- O deputado autonómico e voceiro de Montes do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, animou aos produtores de mel a acollerse á liña de axudas posta en marcha pola Xunta de Galicia para a mellora da produción e comercialización apícola.

Balseiro explicou que, precisamente no día de hoxe, a administración autonómica vén de abrir o prazo de solicitude destas axudas económicas que poderán solicitarse durante todo o mes, conforme á orde de convocatoria publicada onte no Diario Oficial de Galicia.

LOITA CONTRA A VESPA VELUTINA E VARROASE

Entre as actuacións que poden ser obxecto de subvención hai varias que, segundo destaca Balseiro, teñen especial relevancia desde o punto de vista da actualidade deste sector como son a asistencia técnica aos apicultores, a través das súas organizacións, en concreto para a contratación de especialistas para información e apoio en actuacións de vixilancia e control da Vespa velutina.

Outra liña de actuación obxecto de axuda é a destinada á loita contra a enfermidade da varroase e actividades ligadas a un programa sanitario supervisado por un veterinario responsable da súa correcta aplicación e funcionamento.

Tamén hai previstas achegas económicas para a identificación das colmeas e os marcos, para investimentos en equipamentos de uso exclusivo para manipulación de colmeas, para renovación de cera mediante a adquisición de láminas, para adquisición de material de identificación de colmeas e medios de transporte e manexo de operacións apícolas e, finalmente, para a subscrición de seguros de danos propios e responsabilidade civil das colmeas, entre outras.

 BENEFICIARIOS

 Poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, así como as cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores

Sensibilizada co sector, cos seus retos e problemas a Consellería do Medio Rural e do Mar pon en marcha estas liñas de colaboración co sector