Conservas

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, esixe a Unión Europea unha mellor defensa dos intereses do sector conserveiro e pesqueiro fronte á competencia desleal de produtos procedentes do exterior

O GRUPO POPULAR PROMOVE UN ACORDO NO PARLAMENTO GALEGO EN CONTRA DA SUPRESIÓN DOS ARANCEIS ÁS CONSERVAS PROCEDENTES DE FILIPINAS

 Conservas

  • Non ten ningún sentido que  se dean beneficios arancelarios a Fililipinas cando este país está vulnerando a lexislación internacional en materia de pesca ilegal
  • Galicia potencia mundial no sector do atún en conserva, ten produtos de calidade capaces de competir con calquera país do mundo, sempre e cando esa competencia se realice en pé de igualdade e coas mesmas regras de xogo para todos

Santiago, 2 de febreiro 2015.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou hoxe que os populares galegos promoverán un acordo no Parlamento de Galicia no que se lle demanda á Unión Europea unha mellor defensa dos intereses do sector conserveiro e pesqueiro galego.

Máis en concreto, os populares, someterán a debate e aprobación da Comisión de Pesca e Marisqueo prevista para o vindeiro mércores, unha iniciativa –proposición non de lei- na que censuran que a Unión Europea acorde a supresión dos aranceis que pesan sobre os produtos de Filipinas, sen ter en conta a competencia desleal que estes poden xerar en detrimento da produción conserveira galega e europea.

“Non ten ningún sentido que  se dean beneficios arancelarios a Fililipinas cando este país está vulnerando –hai varias sancións neste sentido- a lexislación internacional en materia de pesca ilegal” –subiña Balseiro.

PURO SENTIDO COMÚN

Os populares consideran que “esta é unha petición de absoluto sentido común” e así o teñen defendido tanto en Galicia como diante das institucións comunitarias, con distintas iniciativas. Tamén na Cámara galega esperan contar co apoio de todos os Grupos Parlamentarios para darlle máis folgos a unha demanda “compartida polos profesionais do sector da conserva galega”.

A iniciativa do Grupo Popular insta ao Goberno galego a dirixirse á Comisión Europea para que, “no marco do proceso de negociación do tratado comercial con Filipinas, se teñan en conta criterios en defensa dos intereses do sector pesqueiro e conserveiro galego e europeo e, moi en particular, o cumprimento polo país insular asiático dos requisitos para a previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada”.

“Non se pode dar vía libre a Filipinas para que exporte os seus produtos a Europa mentres é responsable de prácticas desleais que prexudican ao sector galego”- insiste Balseiro quen lembra que, Galicia, “potencia mundial no sector do atún en conserva, ten produtos de calidade capaces de competir con calquera país do mundo, sempre e cando esa competencia se realice en pé de igualdade e coas mesmas regras de xogo para todos. Filipinas non cumpre esas esixencias”