Pleno do Parlamento 11/2

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, pon en valor o consenso acadado para demandar da UE que adopte todas as medidas necesarias, “incluída a suspensión das importacións ou o bloqueo de novos acordos comerciais” para evitar á competencia desleal dos produtos pesqueiros obtidos de xeito irregular

O PARLAMENTO GALEGO APROBA A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR EN DEFENSA DA FLOTA GALEGA FRONTE OS PAÍSES QUE PRACTICAN A PESCA ILEGAL

 Pleno

  • O acordo final incorpora as emendas formuladas por PSOE e AGE referidas aos condicionantes sociais, laborais e hixiénico sanitarios, aínda que os populares lembran que xa se incorporan nos tratados comerciais a través das cláusulas de igualdade de condicións (level playing field)

Santiago, 11 de febreiro de 2015.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe –sen ningún voto en contra– a iniciativa impulsada polo Grupo Parlamentario Popular en defensa dos produtos pesqueiros comercializados pola flota galega fronte a aqueles procedentes de países extracomunitarios que practican a pesca ilegal

Máis en concreto, a Cámara galega acorda demandar á Unión Europea que adopte “todas as medidas que estime necesarias, incluído acordar ou manter a suspensión das importacións dos produtos pesqueiros ou o bloqueo da negociación de novos acordos comerciais”, en tanto en canto estes terceiros países non cumpran os requisitos sobre pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (pesca INDNR)

O acordo final incorpora tamén, como engadido, as emendas formuladas por PSOE e AGE referidas a establecer condicionantes sociais, laborais e hixiénico sanitarios, cando se trate de asinar novos acordos comerciais, aínda que os populares lembran que estas esixencias xa se incorporan nos tratados comerciais a través das cláusulas de igualdade de condicións (en inglés level playing field)

A IMPORTANCIA DO ACORDO

O voceiro do mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, puxo en valor o consenso acadado con PSOE, AGE e Grupo Mixto (coa lamentable abstención do BNG) para reclamar, “unha maior protección dos intereses dos nosos mariñeiros e dos nosos tripulantes, un amparo máis efectivo da nosa flota pesqueira” e lembrou que a pesca ilegal, “representa un problema para o futuro dos profesionais do mar, porque esgota as poboacións de peixe, porque destrúe os hábitats mariños, porque prexudica -de xeito inxusto- aos pescadores legais e provoca importantes distorsións na competencia e nos mercados.

NON HAI MEDIO A COMPETENCIA EN IGUALDADE

Balseiro volveu a lembrar –tal e como fixo durante o debate dunha iniciativa similar referida á conserva- que o PP “non ten medo á libre competencia”, pois Galicia, potencia mundial no sector da pesca, ten produtos de calidade capaces de competir con calquera país do mundo, pero claro está, sempre e cando esa competencia se realice en pé de igualdade, e con idénticas regras de xogo para todos.

 A OPOSICIÓN NON DA A TALLA EN EUROPA

 Tamén amosou a súa esperanza de que, a unanimidade acadada hoxe, poida trasladarse ás institucións comunitarias, onde algúns grupos políticos “non están a dar a talla” e nesa liña lembrou a complicidade dos representantes de AGE cos grupos ecoloxistas, “moitas veces contrarios aos intereses dos profesionais da pesca” ou a abstención “do representante do BNG en Europa”, o eurodeputado de Bildu, na votación decisiva para intentar frear o acordo comercial con Filipinas (negativo para a nosa conserva) ou a posición contraria ás demandas do sector de eurodeputados socialistas como López Aguilar, “cando se trataron iniciativas sobre o aleteo, ou corte das aletas de tiburóns abordo dos buques”