Comisión de pesca 03 de marzo

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, sinala que a Xunta traballa para mellorar as posibilidades de pesca para o conxunto da flota galega, incluído o cerco, que veu aumentada a súa cota un 52% desde 2009 nas principais especies obxectivo (xurelo, xarda e anchoa)

O GRUPO POPULAR ASEGURA QUE O PSOE “NON ESTÁ EN DISPOSICIÓN DE DAR LECCIÓNS SOBRE COMO MELLORAR O REPARTO DAS POSIBILIDADES DE PESCA DA XARDA”

 Flota

  • Lembra que co PSOE no goberno aplicáronse os criterios históricos sen correccións de tripulantes e que o Goberno socialista foi o máximo responsable das sancións por sobrepesca que ano a ano, ata 2023, recortan a cota dispoñible de xarda

 

Santiago, 03 de marzo de 2015.- O Grupo Parlamentario Popular defende que o PSOE non está en disposición de dar leccións sobre como mellorar a repartición das posibilidades de pesca da xarda, tendo en conta que gran parte dos problemas cos que hoxe convive este sector teñen a súa orixe nunha mala xestión socialista.

O voceiro do mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, lembrou que cando o PSOE gobernaba aplicábanse para facer as reparticións estritamente os criterios históricos “a pelo e sen correccións polo número de tripulantes, mentres que agora parecen defenden todo o contrario do que facían”. Os populares din que aplicar un reparto por tripulante tería consecuencias catastróficas para flotas como Gran Sol, a do peixe espada, o arrastre ou o propio cerco, no tocante ao xurelo.

Os populares lembran tamén, que o PSOE é o máximo responsable das sancións por sobrepesca que, ata o 2023, recortan a cota dispoñible de xarda ata en 10.000 toneladas anuais, provocando un grave prexuízo ao sector. De feito –explicou Balseiro- “se nesta anualidade a flota galega ve reducida as súas posibilidades de pesca nun 25%, dez puntos corresponden á sanción imposta cando co PSOE no goberno (anos 2009-2010) non había xestión, nin control”.

“Deste tixeiretazo terán que dar máis explicacións nas bancadas do PSOE que nas da Xunta. A Consellería leva todo este tempo centrando o seu esforzo en corrixir os prexuízos que os Gobernos socialistas lle causaron ao sector do cerco”-afirmou Balseiro.

DEFENDE O TRABALLO DA XUNTA

Con todo, os populares defenderon o traballo da Xunta, que se materializa en que Galicia conseguiu incrementar o seu peso sobre o total da cota de xarda da que dispón a flota española. Se antes Galicia representaba o 24,4%, en 2015 esta cifra vexe incrementada ata o 25,9%. Esta alza foi posible grazas ás correccións introducidas, a petición da Xunta na propia valoración dos históricos, coa aportación de novos datos por parte do sector.

A maiores foi un Goberno popular quen efectuou cambios no reparto entre os segmentos de flota, que beneficiou ao cerco, así como tamén tras lograr flexibilizar as sancións por sobrepesca e ampliar o tempo de devolución das mesmas xa que, de aplicarse estritamente hoxe a nosa flota non podería pescar nin un só quilogramo de xarda

Balseiro sinalou tamén que é indudable o traballo desenvolto polo Goberno galego e central por mellorar as posibilidades de pesca para o conxunto da flota, incluído o cerco. Ese traballo está a dar os seus froitos posto que se comparamos as cotas dispoñibles, Galicia veu aumentada a súa cota un 52% desde 2009 nas principais especies obxectivo (xurelo, xarda e anchoa), como calquera pode comprobar facendo unha simple comparación entre os datos dos Regulamentos

RECORRER A REPARTICIÓN SERÍA UN RISCO

O Grupo Popular non apoiou a iniciativa socialista na que demandaba recorrer a repartición proposta polo Ministerio e sinalou que facelo podería traer consigo máis prexuízos que beneficios, xa que outras comunidades podería recorrer tamén aqueles aspectos que benefician a Galicia, como por exemplo que a nosa flota agrupe o 98% das posibilidades de pesca na zona IXa (Desde Fisterra o Golfo de Cadiz). Preguntou tamén se o modelo do PSOE é o que defenden en Asturias, que supón aplicar en exclusiva os criterios históricos, pero con outro espazo temporal, algo que tamén sería moi prexudicial para Galicia.

Para rematar Balseiro amosou a súa confianza en que, cun modelo de xestión mellor, sumado á profesionalidade do sector o uns prezos de combustible baixos, fagan posible que a campaña deste ano sexa viable e competitiva, que permita mellora as cifras de descarga e os días de traballo que se tiveron o ano pasado.