Comisión de Pesca 3 de marzo (b)

Balseiro lamenta que socialistas e nacionalistas non apoiaran unha iniciativa que demanda ao Goberno para que, en colaboración constante cos colectivos profesionais de mulleres do mar, deseñen agora as distintas accións a impulsar

O PARLAMENTO GALEGO APROBA A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR INSTANDO Á XUNTA A POTENCIAR A IGUALDADE DA MULLER NO SECTOR DA PESCA

 foto-web-a-muller-e-o-mar-enlaces[1]

  • O acordo demanda que se preste especial atención a integración feminina no sector estrativo e no eido da administración e dirección de empresas pesqueiras

 

  • Os populares sinalan que o novo Fondo Marítimo e da Pesca, en vigor para os vindeiros sete anos, pode servir para financiar as accións a executar

 

Santiago, 3 de febreiro de 2015.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a iniciativa impulsada polo Grupo Popular, co voto en contra de PSOE e BNG, na que se insta á Xunta a potenciar a igualdade entre homes e mulleres no sector pesqueiro galego.

O acordo parlamentario indica que o Goberno debe prestar especial atención no tocante a promover a integración da muller no sector estrativo, así como tamén na administración de empresas pesqueiras. Ademais, establece como método para o financiamento das accións a executar a inclusión das mesmas dentro do programa operativo do novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), que se desenvolverá nos próximos sete anos.

EN COLABORACIÓN COS COLECTIVOS DE MULLERES

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou que o carácter xenérico do acordo adoptado busca que sexa agora o Goberno galego quen “en colaboración constante cos colectivos profesionais de mulleres do mar”, deseñe as distintas accións a executar.

O Parlamento galego tamén demanda que se multipliquen os apoios aos distintos colectivos de mulleres dedicadas a actividades do mar, destinando axudas “tanto para a súa organización como tamén para o desenvolvemento das súas actividades”.

MAIOR VISIBILIDADE Á PRESENZA DA MULLER

Desde o Grupo Popular lembraron que aínda que en Galicia o papel da muller como profesional do mar nada ten que ver co menor grao de recoñecemento que dispón noutros puntos de España, cómpre seguir impulsando políticas para facer visible e revalorizar o traballo que a muller realiza no sector pesqueiro.

As estatísticas ofrecen unha imaxe do papel das mulleres no sector pesqueiro. Das 57.236 persoas dadas de alta no Réxime Especial do Mar (REM) en decembro de 2014, a cifra de emprego feminino é de 8.730, é dicir, o 15,25 por cento. Deste segmento, o 61,23 por cento, isto é, 5.346 mulleres, son da Comunidade galega.