Axudas

O secretario xeral lucense lembra que ata o 13 de xuño é posible presentar as correspondentes solicitudes nas tres convocatorias en vigor: renovación con granito de fachadas ou de cubertas con lousa ou tella cerámica

Balseiro lembra que permanece aberto o prazo para acollerse ás axudas da Xunta para rehabilitación de vivendas

infografia dunha vivenda

  • Estas actuacións serven tamén para mellorar a eficiencia enerxética, potenciar o uso de materiais de grande importancia industrial en Galicia, así como para embelecer as construcións existentes

 

Lugo, 17 de marzo de 2015.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo e secretario do Parlamento galego, Jose Manuel Balseiro lembrou hoxe que permanecen abertos os prazos para acollerse ás axudas postas en marcha pola Xunta, a través da Consellería de Economía e Industria, para obras de rehabilitación de vivendas, tanto familiares como colectivas (comunidades de propietarios)

Máis en concreto, ata o 13 de xuño é posible presentar ante a Xunta as correspondentes solicitudes nas tres convocatorias en vigor: a de rehabilitación con granito, a de renovación de tellados con lousa ou a de renovación destas mesmas cubertas con tella cerámica.

O parlamentario explica que as persoas interesadas deben realizar a correspondente solicitude tanto de xeito presencial como por vía electrónica, a través da web. Alerta, en todo caso, que ao tratarse dunha convocatoria non competitiva, resulta importante facelo canto antes pois os apoios finalizan cando se esgoten os fondos económicos consignados que, de sumarse as tres convocatorias, superan os 600.000 euros (200.000 por cada unha delas)

Balseiro dixo tamén que a Xunta considera custos subvencionables, aqueles que sexan directamente imputables ás actuacións de rehabilitación de fachadas con granito, ou a reparación, substitución ou recuperación das cubertas das edificacións, entre outros: Custo dos informes técnicos, das memorias básicas ou proxectos de arquitectura ou enxeñaría, custos de licenza, os de desmontaxe e os de compra dos propios materiais, custos de man de obra e do imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación

MELLORA ENERXÉTICA E VISUAL

Balseiro quixo salientar as múltiples vantaxes que xustifican o apoio do Goberno galego a estas actuacións entre as que citou: a mellora do aforro e a eficiencia enerxética que se obtén co uso deste material, a través da redución da demanda en calefacción ou refrixeración dos edificios de vivenda existentes; ademais tanto o granito, como a lousa ou a tella cerámica son produtos propios do país, o que contribúe ao fortalecemento desta industria e dos seus empregos asociados; e finalmente, hai que engadir o seu valor estético para o seu uso como materiais de revestimento. Tanto o granito, como a lousa e a tella cerámica son ideais para incorporar en pequenas edificacións, moitas delas situadas nos cascos antigos das vilas e en zonas rurais, contribuíndo a embelecer o tecido construtivo galego cun material de fácil colocación e respectuoso co ambiente.

AMPLIAR INFORMACIÓN

Sobre este procedemento administrativo, poden obter información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, na web oficial da consellería de Economía e Industria: http://economiaeindustria.xunta.es ou na Delegación provincial da Xunta.