Novas oportunidades de marisqueo

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, salienta que se trata dun recurso moi abundante no litoral galego e Gran Sol e moi demandado no mercado asiático, onde chega a acadar elevados prezos de ata 150 euros por quilo e tamén moi apreciado en Cataluña e Levante

O GRUPO POPULAR PROPÓN QUE SE XENERALICE O APROVEITAMENTO MARISQUEIRO DO CARALLO DE MAR EN TODA GALICIA

Holothuria_forskali

  •  A Xunta autorizaba o pasado mes de decembro a explotación comercial do holothuria forskali na que participaron, con carácter experimental, embarcacións da confraría de pescadores de Cangas (Pontevedra)
  •  Os populares instan a estudar a situación deste recurso e, en función dos resultados, autorizar a posibilidade de permitir a posta en valor deste recurso por parte dos sectores pesqueiro e transformador tamén noutras áreas de Galicia

 

 

Santiago, 28 de marzo de 2015.- O Grupo Popular vén de propoñer a través dunha iniciativa no Parlamento de Galicia que se xeneralice ao conxunto da comunidade o aproveitamento marisqueiro e comercial do holothuria forskali, un equinodermo que está presente nas augas do noso litoral, coñecido popularmente como carallo de mar ou pepino de mar (en castelán)

 A través dunha proposición non de lei os populares instan á Xunta a estudar a situación deste recurso e, en función dos resultados do mesmo, autorizar a posibilidade de expandir a súa explotación a outras áreas de Galicia logo de que o pasado mes de decembro o Goberno galego incluíse como novidade, dentro do plan xeral de explotación marisqueira vixente para o ano 2015, o aproveitamento deste recurso, en cuxa campaña participan na actualidade, con carácter experimental, embarcacións da confraría de pescadores de Cangas (Pontevedra)

 MÚLTIPLES VANTAXES

 O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, considera que sumar o carallo de mar ao marisqueiro en Galicia tan só traerá vantaxes, pois salienta, que se trata dun produto moi demandado no mercado asiático, onde chega a alcanzar elevados prezos –de ata 150 euros por quilo no caso das especies máis valoradas- pola súa consideración de exquisitez gastronómica e, en España, é moi apreciado en Cataluña e Levante.

 Balseiro explicou que a súa demanda en Galicia ata o de agora era escasa, pese a ser un recurso abundante no litoral e Gran Sol e, de feito, víñase descartando. O voceiro popular insiste en que a súa formación política, comprometida cun mellor futuro dos profesionais da pesca e do marisqueo, considera conveniente a análise e procura de mecanismos que permitan a posta en valor deste recurso por parte dos sectores pesqueiro e transformador galego e, máis en particular, a posibilidade de expandir a súa explotación a outras áreas de Galicia.

 COMERCIALIZACIÓN: NOVOS INGRESOS

 A holothuria forskali é unha das 47 especies de holoturias que se coñecen en Galicia dende a zona litoral ata os 3.000 metros de profundidade. Captúrase e comercialízase en máis de 70 países de todo o mundo e é explotada pola pesca industrial, semi-industrial e artesanal nas rexións polares, mornas e zonas tropicais.

 As holoturias comercialízanse evisceradas, fervidas, salgadas e secadas. Tamén é habitual o seu consumo en cru ou en diversas preparacións culinarias e o procesado dalgunhas das súas partes para a elaboración de produtos delicatessen.

 De xeneralizarse a súa explotación permitiría obter novos ingresos extra aos profesionais do marisqueo galego, conclúe Balseiro