Opinión

Bernardo Fraga: Convidado de pedra

Jose Manuel Balseiro Orol

Véxome na obriga de contestar ante as afirmacións falsas feitas por Bernardo Fraga, portavoz do BNG no concello de Viveiro. As súas críticas resultan especialmente torpes e sorprendentes ao intentar atribuírnos aos demais a responsabilidade exclusiva que o BNG ten en que os seus invitados non puideran acceder á tribuna de público, o pasado martes, durante o debate da iniciativa sobre Vestas, como si fixeron os traballadores desta compañía convidados polo resto dos grupos parlamentarios.

Infórmolle ademais que o Grupo Popular puxo a disposición do Comité de empresa as súas prazas, das que fixeron uso en parte, pois non se cubriron na súa totalidade. E incluso intentamos anticipar o debate ás 18 horas, pero os representantes dos traballadores nos indicaron que xa tiñan organizado todo para última hora da tarde, e supoñía un problema mudar de novo o horario, algo no que coincidimos.

Bernardo Fraga non pode retorcer a realidade, intentando enganar a todos os seus veciños e –tal e como lle indiquei, cando intentou reprocharnos a súa propia torpeza- debera esixir explicacións ao Grupo Parlamentario do BNG que, decidiu saltarse o regulamento e presentou fóra de prazo a súa relación de convidados, mostra do pouco que lle importaban ao BNG os traballadores de Vestas.

Non existiu nin veto, nin prohibición. O que Bernardo Fraga non quere que saibamos é que o BNG decidiu non ir ao Pleno durante a mañá do martes, polo que todas as iniciativas anticiparon o seu horario de debate, pois os deputados do BNG estaban máis ocupados en realizar un teatrillo, nun parque contiguo ao Parlamento. A súa acción representa unha irresponsabilidade ante a cidadanía galega en xeral e ante os seus votantes en particular, que lles entregaron o seu voto para que os representasen no Parlamento e non nun mitin, nun parque.

Se Bernardo Fraga sufre de incontinencia verbal debería aplicala contra os seus compañeiros de partido, que tan só saben facer ruído. Porque os populares seguiremos apoiando aos traballadores de Vestas nunha reivindicación que nos parece xusta, así como impulsando, desde a responsabilidade de goberno que nos deron os cidadáns cos seus votos, todas as iniciativas que teñamos á noso alcance para materializar este apoio.

Desde o BNG, pola contra, tan só se perden en palabras e críticas aos demais, errando unha e outra vez o tiro e facendo todo o contrario do aconsellable ante un conflito laboral como este, onde o aproveitamento partidista debera quedar ao marxe para, como aconteceu no último Pleno do Parlamento, facilitar, como fixo o PP, sen importarlle siglas, un acordo unánime en apoio aos traballadores de Vestas, que xa bastante teñen como para encima soportar os xogos partidistas do BNG, coma sempre, como forza residual, convidados de pedra nos asuntos importantes do noso país.