Iniciativa parlamentaria

O voceiro popular do Mar, Jose Manuel Balseiro, di que priorizar os apoios do novo fondo europeo nestes ámbitos poden multiplicar a súa capacidade de converterse en fontes capaces de xerar de novos ingresos e novos postos de traballo para os profesionais do mar

O GRUPO POPULAR REFORZA A SÚA APOSTA POLA DIVERSIFICACIÓN E O EMPRENDEMENTO NO ÁMBITO PESQUEIRO

 Flota

  • Os populares identifican tres ámbitos a fomentar: a mellora da comercialización dos produtos da pesca e acuicultura (ante as novas esixencias de etiquetaxe e calidade), o impulso de actividades complementarias como os servizos ambientais, actividades educativas ou turísticas e, finalmente, promover a creación de empresas por mozos mariñeiros

 

Santiago, 20 de abril de 2015.- O Grupo Parlamentario Popular defenderá e debaterá na Comisión de Pesca e Marisqueo da Cámara galega, prevista para este mércores 22 de abril, unha iniciativa –proposición non de lei- na que insta á Xunta a redobrar a súa aposta pola diversificación e o emprendemento no ámbito pesqueiro.

Ao entender dos populares, tal e como explica o seu voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, o mellor xeito de buscar alternativas, mellorar a competitividade laboral e fomentar o crecemento económico das persoas que se dedican á pesca e as súas comunidades é precisamente promover iniciativas en tres ámbitos moi concretos:

  • Apoiar ás organizacións de produtores pesqueiros para mellorar a comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura, particularmente para afrontar as novas esixencias en materia de etiquetado, calidade e trazabilidade.
  • Fomentar a iniciativa empresarial no sector pesqueiro de xeito que contribúa á diversificación dos ingresos dos pescadores mediante o desenvolvemento de actividades complementarias, como os servizos ambientais, actividades educativas ou turísticas.
  • Promover a creación de empresas por mozos mariñeiros.

NOVOS FONDOS EUROPEOS

Balseiro explicou que o feito de que agora presenten esta iniciativa ten moito que ver co período no que nos atopamos: en pleno desenvolvemento dun novo fondo comunitario de impulso para o sector da pesca, isto é, do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, do que Galicia será a principal comunidade autónoma receptora.

“Temos que deseñar as áreas nas que queremos que se priorice o investimento e cremos que estas tres: a mocidade para dar relevo xeracional ás industrias pesqueiras, o emprendemento e innovación en ámbitos como o turismo, a transformación e comercialización, o medio ambiente… son e poden ser no futuro, espazos para a xeración de novos ingresos e novas fontes de traballo nas comunidades pesqueiras”- sinalou Balseiro.