Comisión de Pesca e Marisqueo 22/4

Así o explicou hoxe o presidente do ente portuario autonómico, Jose Juan Durán, en resposta a preguntas do Grupo Popular na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia

BALSEIRO PON EN VALOR AS XESTIÓNS IMPULSADAS POR PORTOS DE GALICIA TRAS CONFIRMAR QUE TRAMITA AS DRAGAXES DAS DÁRSENAS PORTUARIAS DE FOZ, RIBADEO, VIVEIRO E BURELA

Sala de Comisións do Parlamento de Galicia

  • Estanse a realizar estudios e tramitacións previas para executar estas operacións dirixidas ao aumento do calado e operatividade nestas tres localidades mariñás
  • Balseiro agradece os pasos que se levan dado e insistiu na importancia de axilizar estas operacións, como de feito está facendo Portos de Galicia

Santiago, 22 de abril de 2015.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, quixo poñer en valor as xestións desenvolvidas polo ente público Portos de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, que está a realizar os estudos e tramitacións previas para executar dragaxes nas principais dársenas da Mariña lucense, nomeadamente en varios puntos dos portos de Foz, Ribadeo, Viveiro e Burela.

Así o confirmou esta mañá o presidente de Portos de Galicia, Jose Juan Durán, en resposta a preguntas do Grupo Popular na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego, a través das que os populares se interesaban polos problemas de perda de calado que se teñen detectado nestas catro instalacións.

 AXILIZAR A TRAMITACIÓN PREVIA

Pola súa banda Balseiro sinalou que, aínda que comprende que acometer as dragaxes que permitirán ganar en calado e operatividade nestas dársenas, para que ofrezan garantías de éxito e permanencia, esixe unha tramitación técnica e administrativa complexa (estudo da situación dos sedimentos, estudo das dinámicas marítimas, autorizacións sectoriais para os puntos de vertido, contratación das obras, execución material das dragas) si quixo agradecer os pasos que se levan dado e insistiu na importancia de axilizar estas operacións, como de feito está facendo Portos de Galicia. Ademais tanto Balseiro como Jose Juan Durán coincidiron na importancia de dar resposta ás necesidades dos usuarios destes catro portos, con especial atención aos problemas que afectan ao sector profesional.

 ANÁLISE PORTO POR PORTO

 En resposta a preguntas do Grupo Popular, o presidente de Portos de Galicia deu un repaso da situación administrativa na que se atopan estes trámites, en cada un dos portos

 No caso de Ribadeo e Viveiro, Jose Juan Durán confirmou que se estan a realizar estudos previos que permitan coñecer a realidade exacta da acumulación de sedimentos nos fondos mariños para planificar, en base a estes datos, as actuacións que corresponden.

 En Viveiro estanse tramitando en dúas fases as actuacións correspondentes á dragaxe do porto pesqueiro, en Celeiro, e ás instalacións náutico recreativas de Viveiro. En Ribadeo, estanse realizando as batimetrías necesarias para proxectar a dragaxe da canle de acceso e as instalacións náutico deportivas.

 Polo que respecta a Burela, a tramitación atópase avanzada, coa autorización xa do punto de vertido e estimación orzamentaria para a actuación. Actualmente está pendente de informe de Capitanía Marítima.

 En canto a Foz, o proxecto de dragaxe atópase xa contemplado nos orzamentos do ente público para este ano, que acaban de abrirse. Os servizos técnicos de Portos de Galicia teñen catalogado a actuación como dragaxe de investimento e contará cun orzamento inicial de 200.000 euros. Actualmente, a dragaxe atópase en fase de tramitación.

 Dentro deste proceso xa está en execución a caracterización do material e restaría posteriormente a autorización dun punto de vertido e solicitude de informes sectoriais ás administracións competentes. En paralelo á execución da caracterización do material estase a elaborar xa o proxecto de obra da dragaxe para acelerar os prazos ao máximo.

“Unha vez superados os trámites preceptivos cos seus prazos regulamentarios, poderían dar comezo os traballos”-asegurou a modo de conclusión o presidente de Portos de Galicia.